A pianista xaponesa Haruna Takebe pecha este martes o ciclo de concertos en homenaxe a Liszt

A pianista xaponesa Haruna Takebe ofrece este martes 22 o derradeiro concerto do ciclo ‘Franz Liszt, o peregrino’ co que a USC en colaboración coa Deputación da Coruña conmemora o segundo centenario do nacemento do precursor do recital para piano e o pianista máis influinte do século XIX. O recital será ás 20:30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) con entrada libre ata completar o aforo. A pianista chega a Compostela co programa ‘Reminiscencias de Franz Liszt’, que inclúe tanto obras propias de Liszt como pezas nas que o intérprete húngaro revisou a Donizetti, Schubert, Chopin e Wagner. Así, interpretará Les Jeux d’eau à la Villa d’Este (No.4 Anées de Pèlerinage, troisième année); Ballade No.2 Si menor; La lugubre gondola No. 2; Liebesträume; Reminescences De Lucia Di Lammermoor; Liebesbotschaft No.10 (Schwanengesang); Auf dem Wasser zu spielen No.2 (12 Lieder); Mein Freuden No.5 (Six Chants Polonais) e Isoldens Liebestod. Haruna Takebe Haruna Takebe graduouse pola prestixiosa universidade Toho Gakuen de Tokío cos profesores Megumi Kaneko e Keiko Takeuchi. En 1999 trasládase a Europa para ampliar a súa formación: primeiro en Alemaña onde estuda coa pianista Elena Lapitskaja, e logo en Holanda para obter o Master’s degree de solista, música de cámara así como de acompañante de lied baixo a dirección do profesor Willem Brons no Conservatorium van Amsterdam. A súa actividade profesional como concertista inclúe a interpretación habitual de concertos para piano e orquestra (coa Symfonie Orchester Berlin na Berlin-Philharmonie ou a Takamatsu Symphony Orchestra) así como colaboracións con membros da Orquestra Filharmónica Checa. En novembro de 2004 grava un disco para o selo STH Quality Classics con música de Scarlatti, Schubert, Liszt e Debussy. Dende 2007 combina a interpretación coa docencia incorporándose como catedrática de Piano na Elisabeth University of Music de Hiroshima onde permanece ata o 2009, cando decide trasladarse a España.