O piano e a guitarra protagonizan o segundo concerto do Ciclo Novos Intérpretes
O Paraninfo da Universidade (sito na Facultade de Xeografía e Historia) acolle este luns 23 un novo concerto dentro do Ciclo Novos Intérpretes, organizado pola Asociación Galega de Lírica Teresa Berganza en colaboración coa USC. A guitarrista Ana Yáñez Ríos e o pianista Fabio Parada ofrecerán sendas actuacións a partir das 20:30 horas. O ciclo, que vai pola súa décimo terceira edición, está especialmente dedicado aos máis novos intérpretes galegos e residentes en Galicia coa finalidade de que adquiran a experiencia necesaria no escenario. Entre os seus obxectivos está tamén o de achegar á música ao público, sobre todo aos máis novos, xa que os concertos son de balde. Na edición deste ano, que se estenderá ata o 28 de marzo, está previsto que participen un total de 35 músicos galegos, dunha gran variedade de instrumentos e nos que a música de cámara será a protagonista. Respecto ás actuacións deste luns, cabe salientar que Ana Yáñez e Fabio Parada interpretarán obras de Diabelli, Henze, Ponce, Prokofiev e Listz. Yáñez, guitarrista natural de Cariño (A Coruña), rematou en 2006 a súa formación no conservatorio coruñés e realizou estudos de posgrao na Escola Superior de Música de Cataluña. Pola súa banda, o pianista de 17 anos Fabio Parada está a piques de rematar o grao profesional no conservatorio e xa atesoura premios en diferentes concursos como o galardón ao mellor intérprete galego no ano 2010 Cidade de Ferrol ou o Cidade de Fundao de Portugal, entre outros recoñecementos.