Ir o contido principal

Pilar Bermejo asume a Vicerreitoría de Política Científica co reto de definir unha axenda científica propia para a USC

Pilar Bermejo anunciou tamén a inclusión dun programa propio de investigación nos próximos orzamentos que promova o desenvolvemento de proxectos e a mobilidade do persoal investigador. FOTO: Santi Alvite
Pilar Bermejo anunciou tamén a inclusión dun programa propio de investigación nos próximos orzamentos que promova o desenvolvemento de proxectos e a mobilidade do persoal investigador. FOTO: Santi Alvite
“A investigación ten que mirar cara a transferencia, ten que dar resultados e achegarse á cidadanía para que saiban o que facemos, que nos coñezan, o apoio social é o que nos lexitima”, destacou o reitor Antonio López
Lugo, Santiago de Compostela

A catedrática de Química Analítica Pilar Bermejo Barrera asumiu este venres 29 o cargo de vicerreitora de Política Científica marcándose como reto a definición dunha axenda científica propia para a USC. “Estamos no momento: temos un marco legal renovado, e tanto a nova Lei orgánica do Sistema universitario como a reformada Lei da Ciencia obrigan a que definamos o que a USC entende por investigación, transferencia, Ciencia Aberta ou Ciencia Cidadá entre outros conceptos, que definamos o que queremos ser nun futuro próximo”, destacou no seu discurso. O acto de toma de posesión estivo presidido este venres 29 polo reitor Antonio López no Salón de Graos do Colexio de San Xerome e comezou coa lectura do nomeamento realizada pola secretaria xeral Dulce María García Mella. 

A nova vicerreitora anunciou a creación, no primeiro trimestre de 2024, dunha comisión de persoas expertas, tanto da USC como alleas a ela, que propoña unha axenda científica para os vindeiros anos e poña en valor as estruturas da Universidade. Neste senso, a profesora Bermejo destacou que os centros singulares de investigación da USC conforman “un activo consolidado no que podemos dar novos pasos” e engadiu que tamén “precisamos avanzar para consolidar estruturas existentes como o IDEGA, os institutos de Acuicultura e IAQBUS ou o Ibader entre outros, e avanzar en novas estruturas no ámbito do Campus Terra, das Humanidades e no ámbito das Ciencias do Comportamento co fin de dotar a nosa investigación das estruturas precisas para adaptarnos a isto que se deu en chamar novo ecosistema investigador”. 

Pilar Bermejo anunciou tamén a inclusión dun programa propio de investigación nos próximos orzamentos que promova o desenvolvemento de proxectos e a mobilidade do persoal investigador. “É preciso desenvolver políticas que fagan atractiva a investigación á xente nova porque a súa presenza é imprescindible para avanzar neste apaixonante mundo da investigación científica”, dixo. “Somos a metade do sistema de I+D+i de Galicia, e a nivel estatal situámonos entre as dez mellores universidades públicas”, concluíu. 

Investigación estrutural

Pola súa parte, o reitor Antonio López centrou a súa intervención nos cambios normativos recentes que está a experimentar a Universidade, a ciencia e o eido laboral con implicacións significativas no eido da investigación. Nesta liña, o reitor salientou a necesidade de “crear estruturas que dean soporte aos retos da investigación” e que vaian máis alá dos grupos. “A investigación ten que mirar cara a transferencia, ten que dar resultados e achegarse á cidadanía para que saiban o que facemos, que nos coñezan, o apoio social é o que nos lexitima”, destacou. O reitor agradeceu a “enorme xenerosidade” de Pilar Bermejo ao aceptar o cargo de vicerreitora de Política Científica e puxo en valor o seu “coñecemenro e experiencia” xa que “méritos tenos todos, tanto académicos, como investigadores ou no eido da xestión”. 

Traxectoria

Pilar Bermejo Barrera (Santiago de Compostela, 1956), é catedrática de Química Analítica dende o ano 1991 no Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía na Facultade de Química. En 1978 licenciouse en Química na USC, con Premio Extraordinario de Licenciatura, e doutorouse na mesma universidade en 1981. Realizou  a súa formación postdoutoral na University of Plymouth, Reino Unido. Foi profesora nas Facultade de Química e de Farmacia e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría.

Coordinadora do grupo de investigación, GETEE, Grupo de Elementos Traza, Espectroscopia e Especiación, a súa actividade investigadora céntrase no desenvolvemento de métodos analíticos para o estudo da Especiación e Biodispoñibilidade de Elementos Traza en todo tipo de mostras. Outras liñas relevantes son as relacionadas con estudos sobre Metalómica e Metaloproteómica, e sobre Nanometroloxía Analítica e Nanotecnoloxía. Ten publicado máis de 350 artigos de investigación científica, 28 capítulos de libros internacionais, e monografías sobre Química Analítica. Directora de 40 teses de doutoramento, coordinou numerosos proxectos de investigación de ámbito nacional e internacional, así como diferentes contratos de investigación con entidades públicas e privadas. 

Foi vicedecana da Facultade de Química no período 1989 -1996. Durante este tempo foi coordinadora do programa piloto ECTS de Erasmus na área de Química, da rede ECTN (European Chemistry Thematic Network) e do programa TASSEP (Transatlantic Science Student Exchange Programme). Entre  1998 e 2006 foi directora do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía. Decana da Facultade de Química entre 2014 – 2022 e presidenta da Conferencia Española de Decanos de Química, no ano 2018 ingresou como académica de número na Real Academia Galega de Ciencias.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.09.2023.