Ir o contido principal

Pilar Bermejo Barrera asumirá a Vicerreitoría de Política Científica

Pilar Bermejo é catedrática de Química Analítica. FOTO: Santi Alvite
Pilar Bermejo é catedrática de Química Analítica. FOTO: Santi Alvite
A catedrática de Química Analítica tomará posesión do seu novo cargo a finais de setembro
Santiago de Compostela

A catedrática de Química Analítica Pilar Bermejo Barrera asumirá a vicerreitoría de Política Científica, cargo do que tomará posesión na última semana deste mes de setembro. A que fora a primeira muller decana da Facultade de Química da USC completou a súa formación na Universidade de Plymouth (Reino Unido) e é a investigadora principal do grupo ‘Elementos traza, espectroscopía e especiación’. Foi coordinadora do programa piloto ECTS de Erasmus na Área de Química, da rede ECTN (European Chemistry Thematic Network) e do programa TASSEP (Transatlantic Science Student Exchange Programme). Ademais desenvolveu abundantes actividades encamiñadas a mellorar a percepción social da Química e distintas responsabilidades de xestión na súa Facultade, da que ademais de decana tamén foi vicedecana entre 1980 e 1990, ou directora do Departamento de Química Analítica entre 1998 e 2006. A profesora Bermejo é académica numeraria da Real Academia Galega de Ciencias.

O reitor agradeceulle a Vicente Pérez Muñuzuri, quen cesou no cargo por decisión persoal, o traballo realizado nos máis de cinco anos nos que ocupou o cargo de vicerreitor, ademais de desexarlle sorte nesta nova etapa que agora inicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.09.2023.