Os pingüíns, inesperados difusores de contaminación na Antártida
Persoal investigador da USC e do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC) en colaboración con colegas das universidades de Barcelona e Oviedo, documentaron a presenza e a orixe de diversos contaminantes nos solos de colonias de pingüíns recollidos nas illas Livingston e Decepción, ao noroeste da península Antártica. Os resultados do estudo, publicados na revista Geoderma, mostraron un enriquecemento significativo en nutrientes, metais como cobre e zinc e compostos orgánicos como los hidrocarburos aromáticos policíclicos (PAHs).
O equipo científico conclúe que os pingüíns actúan como vectores biolóxicos capaces de transferir contaminantes desde o medio mariño cara aos ecosistemas terrestres antárticos. Así mesmo, identifican múltiples orixes para estes contaminantes: a propia actividade biolóxica das aves, a influencia da actividade volcánica na illa Decepción e, en menor medida, a actividade humana vinculada a bases científicas e turismo.
“Os pingüíns son esenciais para o equilibrio da vida na Antártida, pero tamén poden converterse nunha fonte natural de contaminación nun ambiente extremadamente fráxil”, sinala o profesor X.L. Otero, catedrático da Universidade de Santiago e investigador do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) e coordinador do estudo.
Nalgúns puntos os niveis deses metais superaron os valores de referencia internacionais. E aínda que os solos parecen soportalos sen efectos inmediatos, “de filtrarse cara a regatos ou augas costeiras, poderían afectar organismos acuáticos extremadamente sensibles, como o plancto, base da cadea alimentaria marina”, sinala Begoña Pérez, investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO-CSIC e primeira autora do traballo.
O estudo tamén detectou a presencia de hidrocarburos aromáticos policíclicos (PAHs), compostos contaminantes que noutras partes do mundo solen estar asociados á queima de combustibles fósiles ou procedentes do petróleo. Non obstante, na Antártida a situación é diferente: na illa Decepción os PAHs proveñen, en gran medida, da intensa actividade volcánica rexistrada nos últimos séculos, mentres que en Livingston están máis vinculados ao guano das aves.
“Aínda que as concentracións atopadas non alcanzan niveis de alarma e son entre 50 e 1000 veces inferiores ás que xeran efectos tóxicos nos organismos mariños, a investigación rompe coa idea de que a Antártida é un entorno inalterado”, sinala Begoña Pérez.
Ademais, o aumento de precipitacións e o desxeo do permafrost debido ao cambio climático, poderían mobilizar os metais e contaminantes acumulados nos solos e o guano, trasladándoos a lagos e zonas costeiras, onde poden resultar prexudiciais para especies sensibles e alterar as cadeas tróficas polares.
Cristina García-Hernández e Jesús Ruiz Fernández, profesores do Departamento de Xeografía da Universidade de Oviedo que realizaron o traballo de campo nos meses de febreiro e marzo de 2018 ao abeiro do proxecto CRONOANTAR para obter as mostras de solo que permitiron documentar a distribución de contaminantes, destacan a importancia do achado, que subliña “a extrema fraxilidade dos ecosistemas antárticos ante o cambio climático global, xa que o desxeo podería mobilizar estes contaminantes acumulados cara as augas costeiras, o que afectaría directamente a base da cadea trófica mariña".
O estudo contou ademais co apoio do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a través do Programa de Investigación Polar, da Xunta de Galicia (Axudas á Consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do SUG del Plan Galego IDT) e a Generalitat de Cataluña.