Ir o contido principal

As pioneiras da docencia universitaria na Universidade Complutense, nunha mostra en Fonseca

A mostra pode verse ata o 28 de novembro. Foto: Santi Alvite
A mostra pode verse ata o 28 de novembro. Foto: Santi Alvite
Entre as historias de vida das protagonistas da exposición figuran as galegas Emilia Pardo Bazán, Jimena Fernández de la Vega e Antonia Ferrín Moreiras
Santiago de Compostela

O Claustro Alto do Colexio de Fonseca acolle a mostra 'As primeiras profesoras da Universidad Complutense de Madrid', que busca dar visibilidade ás primeiras profesoras que exerceron a docencia e a investigación nas distintas facultades da Universidade Complutense de Madrid (UCM). Entre elas figuran as galegas Emilia Pardo Bazán, Antonia Ferrín Moreiras e Jimena Fernández de la Vega, que pasaran polas aulas da USC.

A exposición, que forma parte do proxecto 'Académicas UCM' destinado a recuperar a memoria das primeiras mulleres desa universidade, recolle relevantes nomes femininos da intelectualidade española dos séculos XX e XXI, contribuíndo a resaltar a todas as que exerceron como docentes e investigadoras na chamada, naquel momento, Universidade Central.

A mostra inaugurouse o venres 17 nun acto que presidiu a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e no que tamén participaron a delegada do reitor da USC para a Igualdade, Sonia E. Rodríguez; a delegada do reitor da UCM para Igualdade, Isabel Tajahuerce; a presidenta de Alumni USC, Eva López; e a comisaria da exposición en Madrid, Violeta Izquierdo. No acto mostraron o desexo de que a USC, primeira universidade de fóra de Madrid á que chega a mostra, colla o relevo deste proxecto e se faga coa memoria das súas docentes.

Non sen atrancos

Tras o Real Decreto do 8 de marzo de 1910, que autorizaba ás mulleres a acceder aos estudos superiores, estas estudantes tiveron que superar censuras, atrancos e menosprezos antes de poder licenciarse e, mesmo para desenvolver a súa carreira tanto académica como profesional. Entre estas mulleres veremos a traxectoria de salientables e ben coñecidas galegas, dúas delas estudantes da

O camiño percorrido polas mulleres docentes cara á equiparación en dereitos e oportunidades coa seus colegas masculinos na Complutense foi longo e non exento de inxustizas. As historias de vida das protagonistas da exposición recollen traxectorias persoais que falan da súa excelente preparación, capacidade intelectual e entrega cara á súa profesión.

A mostra pode verse ata o 28 de novembro de 2025, en horario de luns a venres de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.

De esquerda a dereita, Eva López, Sonia E. Rodríguez, Pilar Murias, Isabel Tajahuerce e Violeta Izquierdo. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Eva López, Sonia E. Rodríguez, Pilar Murias, Isabel Tajahuerce e Violeta Izquierdo. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2025.