Ir o contido principal

Planta, solo e atmosfera, elementos clave dunha estratexia de rega sustentable

O cambio climático esixe un aproveitamento sustentable da auga
O cambio climático esixe un aproveitamento sustentable da auga
Investigadores da EPS de Enxeñaría integrados na unidade CropQuality asociada ao CSIC comparten X Simposio Internacional de Rega en Cultivos Hortícolas, celebrado en Suráfrica , resultados de proxectos científicos aliñados coa I+D+i de vangarda para sortear a futura escaseza de auga cunha óptima subministración de achegas hídricas

A monitorización das necesidades hídricas das plantas e cultivos, o estudo das características dos solos e da súa disposición de auga e a análise das variables climatolóxicas, sobre todo as referidas ao nivel de precipitacións atmosféricas constitúen tres dos piares esenciais dunha estratexia de rega óptima e sustentable que non altere a produción nin a calidade, segundo afirma o investigador Javier J. Cancela, do grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC

As aseveracións deste docente, que tamén forma parte da unidade CropQuality, asociada ao CSIC e ao Instituto de Ciencias da Vide e do Viño da Rioxa, figuran entre as conclusións acadadas no recente congreso internacional de rega celebrado na Universidade de Stellenbosch, o escenario no que máis dun centenar de investigadores de todo o mundo presentaron e debateron os últimos resultados das súas respectivas liñas de investigación relacionadas coa detección e determinación de necesidades hídricas de cultivos, así como respecto da optimización de procesos de subministro, calendarización e manexo da agua de rega en cultivos hortícolas e leñosos.

A delegación universitaria luguesa aproveitou a súa participación neste congreso para dar conta dos resultados acadados nalgúns proxectos nacionais de I+D e SUDOE nos que tomaron parte. Así, o profesor Javier J. Cancela presentou as estratexias de control e manexo da rega no cultivo do Lúpulo desenvolvidas en Mabegondo (A Coruña), un traballo a prol de avanzar na xestión sostible da auga requirida polo cultivo desenvolvido polo Grupo Operativo Nacional: Lúpulo de Calidade, no que se salienta a importancia da determinación da capacidade de almacenamento de auga no solo, así como a profundidade do mesmo, intraparcela. Este parámetro, precisa, resulta crucial para a determinación do momento óptimo de rega, así como coñecer a cantidade a aplicar durante o ciclo vexetativo, en particular na fase de crecemento da vexetación.

A tamén investigadora do Campus Terra da USC Marta Rodríguez expuxo neste foro científico os resultados do comportamento fisiolóxico das variedades Mencía e Treixadura con rega deficitaria e secano, en dúas configuracións de plantación, alta densidade, característica da DO Ribeiro, e baixa densidade, con posibilidade de mecanización. Unha das principais conclusións é que a variedade Mencía adáptase mellor ás condicións climáticas de días con alta demanda atmosférica, así como que a xestión de auga pola plantación foi máis eficiente na plantación de baixa densidade. Este traballo encádrase dentro dos resultados do Proxecto VINIoT (SUDOE), e foi realizado polo equipo de PROePLAa, en colaboración con Agacal-Evega.

A doutora Vilanova, quen tamén forma parte da unidade CropQuality asociada ao CSIC, presentou en Suráfrica resultados do Proxecto Irrivitis, no que se testou unha comparación entre unha rega deficitaria semanal desde o tamaño guisante até vendima, e unha rega inicial de recarga do contido de auga no solo, antes de que a planta agrome.

Cambio climático

A optimización do manexo e, en consecuencia, dos recursos hídricos antóllase como unha necesidade crecente no actual contexto de cambio climático, salienta Cancela, ao tempo que subliña que a cada vez maior irregularidade dos períodos de precipitacións, a prolongación das épocas de seca e o incremento das temperaturas por mor do cambio climático están a converter a rega nun aporte ou complemento cada vez menos recurrente e máis necesario para as producións hortícolas.

Alén de presentar e compartir os resultados dos proxectos de investigación desenvolvidos no ámbito da fertirrigación de cultivos na sede universitaria luguesa, a participación da EPS de Enxeñaría neste foro internacional serviu para comprobar que a o I+D+i que se está a desenvolver no ámbito da fertirrigación desde o Campus Terra da USC están aliñadas coas liñas de traballo de vangarda, cuxos próximos resultados se debaterán en 2027 no marco dun congreso internacional que se celebrará en Australia.

Cancela, Vilanova, Fandiño e Rodríguez, na Universidade de Stellenbosch, en Suráfrica
Cancela, Vilanova, Fandiño e Rodríguez, na Universidade de Stellenbosch, en Suráfrica
Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.02.2023.