A plataforma en liña AIMED facilita as escollas dos destinos europeos do alumnado universitario de intercambio

O proxecto ‘Aiming to educate by promoting the academic dimension of Erasmus+’, que neste ano 2021 chega á súa conclusión, desenvolveu a plataforma en liña AIMED co obxecto de facilitar as escollas dos destinos europeos do alumnado universitario de intercambio. A través deste proxecto Erasmus+ e dende a Unidade de Promoción e Proxectos Internacionais da USC, deuse pulo a esta web que subministra información práctica sobre os destinos antes de redactar o acordo de estudos, así como aproximacións ao custo de vida nos diferentes campus e a oferta académica de grao e mestrado das universidades participantes.
“En xeral, os intercambios Erasmus+ non se perciben como mobilidade de impacto a nivel formativo, mais si a nivel persoal, polo que adoitan rubricarse como experiencias altamente valoradas no plano vital máis que no académico”, explican dende a Unidade de Promoción e Proxectos Internacionais da USC. Nesta liña, o obxectivo primordial de AIMED materializouse en promover a dimensión académica da mobilidade e o intercambio de estudantes Erasmus+.
“Con frecuencia, a oferta académica para o alumnado de intercambio non é fácil de atopar e a información dispoñible nas páxinas web oficiais dos centros universitarios non recolle todo o que se precisa para levar a cabo unha mobilidade, o que dificulta a elección da universidade axeitada de acordo ás necesidades de cada estudante”, continúan explicando dende a Unidade. Por iso, dende AIMED deseñouse unha páxina web na que se unificou todo o necesario para planificar a devandita mobilidade. Nela inclúese unha plataforma que permite facer buscas e filtrados de acordo aos intereses de cada usuario ou usuaria, e dúas guías técnicas de axuda tanto para persoal traballador das universidades como para estudantes. “No primeiro caso, o propósito é apoiar o proceso de publicación de datos dos centros universitarios na plataforma e, no segundo caso, axudar no uso das diferentes opcións que ofrece a plataforma”, engaden.
De feito, en virtude desta plataforma, pódense consultar datos concretos sobre as materias —contidos, criterios de avaliación ou horarios, entre outros aspectos—, e incluso realizar comparacións entre elas. Neste proxecto coordinado pola Uniwersytet Łódzki de Polonia, toman parte, alén da USC, Erasmus Student Network-ESN (Bélxica), Vytauto Didžiojo universitetas e Europos humanitarinis universitetas (Lituania), European University Foundation-Campus Europae (Luxemburgo), Univerza na Primorskem (Eslovenia), Universidade de Cádiz, e a Universidade de Granada.
