Podería a recuperación dos recursos mariños salvar miles de millóns de euros á industria pesqueira europea?
Un grupo de traballo formado por investigadores de varios países europeos, coordinado desde a USC polo profesor Sebastián Villasante (España), Didier Gascuel (Francia) e Rainer Froese (Alemaña), acaba de publicar unha serie de traballos científicos sobre a reforma da política pesqueira en Europa e as súas implicacións económicas na revisa do Journal Citation Report Ocean and Coastal Management . O monográfico céntrase especialmente na sobreexplotación pesqueira exercida nos últimos anos como problema clave a resolver, con consecuencias sobre todos os ámbitos do sector pesqueiro, tanto directos como indirectos (desde a extracción á industria da conserva, pasando pola comercialización de produtos pesqueiros).
Unha das solucións alternativas, segundo os estudos, viría da man da introdución de novos incentivos con vistas a reducir a presión pesqueira á que están sendo sometidas a meirande parte das pesqueiras: “Os bancos de peixe poderían incrementarse sensiblemente e xerar maior beneficio económico se se reducise durante uns anos a presión á que están sendo sometidos nos últimos tempos. As pesquerías en Europa teñen un marxe de beneficio de entre o 3 e o 6 por cento, mentres que en Nova Celandia, onde se reformou exitosamente a súa política pesqueira, as marxes de beneficio para a industria roldan o 40 por cento”, afirman os coordinadores do estudo.
O monográfico forma parte dun conxunto de estudos que se están a desenvolver en toda a Unión Europea desde unha perspectiva multidisciplinar co fin de estimular o debate e formular novas propostas para reorganizar a política pesqueira en Europa, na busca dun sistema de xestión que non perda capacidade de xeración de beneficios e que ao mesmo tempo sexa respectuoso coa rexeneración dos ecosistemas: “Todos os traballos similares que se están realizando en países como Alemaña, Australia, Canadá, Chile, Dinamarca, Estados Unidos, Francia, Islandia, Portugal, Países Baixos, Reino Unido e Suecia, entre outros, mostran que a recuperación dos stocks de peixe sometidos a altas presións extractivas pode xerar maior rendibilidade ao tempo que se asegura a rexeneración ambiental”, explican os responsables do traballo.
O monográfico céntrase especialmente no estudo de dúas das especies máis comerciais dos caladoiros europeos: o bacallau do Atlántico e a pescada do Sur. En ambos os casos, os autores estiman “importantes perdas económicas” debido á sobreexplotación “a corto e a longo prazo”. Manel Antelo, David Rodríguez-González e Sebastián Villasante analizan a situación actual do valor económico dos stocks de pescada do Sur baixos diferentes escenarios nos que se conclúe que a industria “prefire que se maximice o beneficio a curto prazo e ignora os riscos do colapso dos bancos sobreexplotados e medio e longo prazo”. Segundo o estudio, os beneficios producidos pola captura desta especie no período 2012-2022 poderían aumentar de 258 a 426 millóns de dólares se se respectasen as recomendacións científicas propostas polo Consello Internacional para Exploración do Mar (ICES), organismo responsable da avaliación dos recursos mariños en Europa.
De aí que para os investigadores que participan neste estudo, “a reforma da Política Pesqueira Común da UE é unha oportunidade para reformular os criterios de xestión existentes baseados primordialmente en factores biolóxicos, de forma de incorporar criterios socio-ecolóxicos con vistas a desenvolver sistemas de xestión máis sostibles que teñan en consideración non só a recuperación dos stocks senón tamén o mantemento do emprego e a rendibilidade económica da industria pesqueira”.