A poeta Nancy Morejón, protagonista dun Encontro no Paraninfo da Universidade
A poeta cubana e premio Nacional de Literatura Nancy Morejón achegará a súa obra recitando versos nun Encontro no Paraninfo da Universidade. A sesión, que pechará cun coloquio coa artista, terá lugar este mércores, día 23, ás 20:00 horas.
O recital enmárcase nas Segundas Xornadas de Cultura Cubana que organiza a Vicerreitoría de Cultura en colaboración coa Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier da Universidade de Santiago.
Nacida en La Habana en 1944, Nancy Morejón licenciouse en Lingua e Literatura Francesas. Ademais de ser unha das voces poéticas máis orixinais da Cuba actual, tamén destaca a súa labor crítica e ensaística así como pola súa contribución en organismos culturais.
Os encontros continuarán durante o mes de maio coa participación do reitor do Instituto Superior das Artes, Jorge Fernández, os días 7 e 8 nos campus de Santiago e Lugo, respectivamente. Xa o vindeiro día 15 celebrarase as letras galegas e cubanas no Paraninfo da USC coa conferencia do escritor cubano Carlos Martí e presentación do seu libro El imán de la memoria.