Ir o contido principal

O poeta Regino Mateo inaugura o encontro con escritores cántabros ‘De portas afora’

A Aula de Letras da Universidade de Cantabria que dirixe en Santander a poeta e ensaísta Ana Rodríguez de la Robla puxo en marcha o pasado marzo o ciclo De portas afora: poesía de ida y volta coa intención de favorecer o coñecemento e intercambio de poetas cunha traxectoria consolidada, nunha colaboración interuniversitaria entre campus de diferentes cidades españolas. Iniciado o intercambio coa Universidade de Salamanca, a USC, a través da súa Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, incorporouse a esta iniciativa, ampliada tamén a autores teatrais e coa intención de continuar no próximo curso con escritores que cultiven o conto, a novela, o ensaio… Será o poeta cántabro Regino Mateo quen este mércores, 4 de maio, ás 20:00 horas no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, dea comezo ao ciclo na USC coa charla ‘A intimidade da máscara’. Continuará o vindeiro 10 de maio, á mesma hora e lugar, co autor, actor e director teatral Alberto Iglesias, que intervirá co relatorio ‘Poética do despropósito: teatro, vida e literatura’. Nos dous casos intervirá como presentador e moderador o profesor José Manuel González Herrán, catedrático santanderino de Literatura Española na Facultade compostelá de Filoloxía e coordinador deste ciclo por parte da USC. A entrada é libre ata completar o aforo.

Pola súa banda, a institución compostelá envía a Santander a dúas importantes figuras das letras galegas, os profesores da USC María do Cebreiro, que falará na Sala Fray Antonio de Guevara da Universidade de Cantabria o martes 3 de maio, e o dramaturgo e investigador teatral Euloxio R. Ruibal (da Real Academia Galega), que o fará o mércores 11 de maio.

Regino Mateo

Regino Mateo (Santander, 1965) é licenciado en Dereito e en Filoloxía Hispánica. Traballa como Técnico de Cultura no Concello de Santander, aínda que boa parte da súa actividade profesional está ligada á animación cultural e á crítica musical e literaria. Obtivo varios premios como o José Hierro de Poesía para mozos (1991), o Consello Social da Universidade de Cantabria (1992) e o Premio de Poesía “Alegría” (2000). Ademais dos poemas publicados en antoloxías e volumes colectivos, publicou Cuerpo Presente (1992), Del viento y su queja (1995), Noticia de un pequeño reino afortunado (2000). Actualmente escribe en prensa y está a punto de aparecer o seu libro La mirada caliza. Tamén hai poemarios seus en volumes colectivos, como Seis días de viento Sur, Preludes. Sobre una música de Claude Debussy, Blue Moon… As súas obras foton traducidas ao inglés, italiano e albanés.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.05.2011.