A polifonía oculta de Bach, nun novo ciclo musical no Paraninfo

O vindeiro 23 de abril dará comezo un novo ciclo de seis concertos coas Tres sonatas e Tres partitas para violín só (BWV 1001-1006) e as Seis suites para violonchelo só (BWV 1007-1012) de Johann Sebastian Bach, que interpretarán músicos de orde internacional convidados pola Área de Cultura da USC. Todos, de entrada libre ata completar aforo, serán ás 20:30 horas.
O primeiro dos recitais, o do día 23, correrá a cargo da violinista rumana Anca Smeu, que interpretará a Sonata nº 1 en Sol menor, BWV 1001 e a Partita nº1 en Si menor, BWV 1002. A ela seguiranlle en sucesivos concertos os violinistas Elina Viksne (28 de maio) e Grigori Nedobora (18 de xuño) e os violonchelos Fernando Santiago (22 de maio), Carlos García Amigo (25 xuño) e Bárbara Switalska (2 xullo).
En todas e cada unha das obras mestras que trata o ciclo pódense atopar as técnicas máis complexas de composición manexadas por Bach ao longo da súa carreira. No seu conxunto, como lembra o profesor da USC Javier Garbayo nas notas ao programa, sobre as obras para violín e violonchelo sen acompañamento de Bach, o musicólogo Manfred Bukofzer sinalou que se trata dos monumentos máis grandiosos da música polifónica escrita para instrumentos de corda de toda a historia; en especial, as sonatas e partitas para violín, concibidas como tres sonatas de igrexa e tres de cámara.
O tipo de instrumentos para os que Bach concibiu esta música, o violín e violonchelo barroco, contaban na época con importantes diferencias morfolóxicas e sonoras respecto dos actuais. “É este un principio que debemos ter en conta á hora de considerar estas composicións, pois remiten á idea orixinal de Bach que se viu adaptada ás circunstancias actuais da interpretación”, matiza Garbayo.