Ir o contido principal

A Politécnica aposta pola innovación tecnolóxica na docencia para favorecer a transferencia de coñecemento

Edificio central da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo
Edificio central da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo
Unha nova plataforma de teleformación posta en marcha no SIT permite achegar programas formativos a persoas de todo o mundo de xeito doado e flexible

O Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da USC, un grupo de investigación con sede na Escola Politécnica Superior, e o Sistema de Información Territorial (SIT), un servizo tamén vinculado á EPS e cuxas instalacións se acubillan no edificio Cactus do campus de Lugo, apostan pola innovación tecnolóxica aplicada á docencia para favorecer a transferencia de coñecemento a través da posta en marcha dunha nova plataforma telepresencial de código libre e baseada na aplicación BigBlueButton.

A plataforma de videoconferencias específica para a docencia telepresencial que comezou a funcionar este curso 2014-2015 nas instalacións do SIT permite participar dunha mesma actividade formativa estudantes e docentes que asisten de xeito presencial á aula na que se imparten os contidos, con outras persoas conectadas virtualmente en tempo real, pero coas mesmas posibilidades de interlocución. Esta nova experiencia piloto no eido do ensino universitario cobra especial relevancia ao tratarse dunha iniciativa implantada na sede universitaria luguesa, un dos campus obrigado pola Xunta de Galicia a formular plans de viabilidade para varias das titulacións que rexistraron un baixo número de estudantes matriculados nos últimos anos, e tamén denota a súa capacidade de adaptación ao novo escenario que emerxe no ensino superior. A nova plataforma de teleformación, a través da que xa se están a organizar parte das actividades formativas impulsadas polo SIT e na que tamén se pode cursar a quinta edición do Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, coordinado polos investigadores do LaboraTe, permite achegar o coñecemento a todas aquelas persoas que o demanden e garante a participación en igualdade de condicións entre as persoas que asisten á aula e as que se atopan en calquera outro lugar. As vantaxes desta nova aplicación tecnolóxica son moitas e todas favorecen o acceso e a difusión de coñecementos, tanto entre estudantes como entre docentes. Aínda así, cómpre salientar o carácter flexible desta nova metodoloxía docente. De feito, esta nova plataforma de teleformación facilita a inscrición de alumnado ou a participación puntual de colaboradores e expertos en calquera das materias abordadas obviando as limitacións de área xeográfica e, por riba, contribuíndo a manter cando non potenciar o carácter transversal e multidisciplinar que debe imperar en titulacións abertas a estudantes de distintas nacionalidades e procedentes de diferentes titulacións de acceso. A metodoloxía de ensino e aprendizaxe que permite esta ferramenta tecnolóxica reúne nun mesmo sistema as vantaxes e flexibilidade inherentes á formación a distancia, sen necesidade de desprazamento físico á aula, coas sinerxías e interacción propias dun formato presencial, e das que non se pode sacar proveito nun curso tradicional a distancia. Isto sen dúbida favorece a transferencia de coñecemento entre todos os axentes, dando entrada tamén a aqueles alumnos ou expertos, que por vocación ou relevancia, deben tomar parte nestas sesións, pero non poden desprazarse á aula. Características técnicas Esta pasarela telepresencial do SIT baséase na aplicación BigBlueButton, unha nova plataforma de código libre, especificamente deseñada para actividades de e-learning. O sistema reúne nunha mesma interface vídeo e son, mensaxería instantánea e encerado (pizarra) virtual, onde o profesor mostra a súa presentación ou pode escribir e facer gráficos. Ademais ten capacidade para compartir escritorio, polo que os alumnos presenciais e remotos poden visualizar tamén a execución de programas ou tarefas realizadas polo poñente no seu propio equipo, algo imprescindible no caso de exercicios de carácter práctico. A pasarela complétase cunha infraestrutura física consistente en varios micrófonos convencionais e unha ou dúas webcams instaladas na sala. Pola súa parte, para participar de xeito virtual, unicamente son precisos os medios habituais para este tipo de conexións: auriculares con micrófono e unha cámara web. Así, a integración e comunicación entre todos os asistentes é plena, lográndose un formato análogo ao dunha aula tradicional. Programas xa desenvolvidos na plataforma do SIT A pasarela de teleformación posta en marcha nas dependencias do SIT este curso 2014-2015 serviu de canle para distintas accións formativas e cursos organizados polo Sistema de Información Territorial (SIT) da USC, ademais de servir de canle a través da que se imparten as materias que conforman o programa do Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio. Nos últimos meses, asemade, esta plataforma tamén deu cabida a varios seminarios formativos do proxecto internacional ECUIDTi. Este proxecto de Cooperación Universitaria, financiado a través de Cooperación Galega da Xunta de Galicia, conta coa participación do Laboratorio do Territorio da USC, Cartolab da Universidade da Coruña e a Universidad del Azuay (UDA) de Ecuador, coma coordinador da rede RIGTIG (que agrupa a varias universidades e institucións ecuatorianas). Os seus seminarios tiveron lugar de xeito presencial en diversas cidades de Ecuador, pero contaron con alumnos virtuais de todo o país, e incluso investigadores que impartiron contidos en tempo real dende España.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.01.2015.