Ir o contido principal

A Politécnica festexa os dez anos das enxeñarías Civil e Xeomática e Topografía con relatorios, exposicións e actos institucionais

Jaime Rodríguez, Javier Bueno e Alberte Castro, na Escola Politécnica Superior de Lugo
Jaime Rodríguez, Javier Bueno e Alberte Castro, na Escola Politécnica Superior de Lugo
O centro universitario lugués formou preto de 400 enxeñeiros nestas dúas titulacións ao longo das oito promocións de egresados que xa saíron do campus lugués

A Escola Politécnica Superior conmemora o décimo aniversario da implantación dos estudos de Enxeñaría Civil e Xeomática e Topografía coa programación dun ciclo de conferencias de periodicidade semanal ao longo do segundo semestre deste curso, así como coa organización de diversas mostras fotográficas e coa celebración de cadanseu acto institucional nos que a dirección do centro universitario agasallará con enseñas e diplomas aos enxeñerios titulados que foron Premio Extraordinario das súas respectivas promocións de egresados.

O director da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, presentou este martes a programación de actividades deseñadas polo centro universitario co gallo da celebración desta efeméride, no transcurso dun acto no que tamén participaron os profesores Jaime Rodríguez Pereña e Alberte Castro, coordenadores dos graos en Enxeñaría Civil e Enxeñaría en Xeomática e Topografía, respectivamente. Bueno Lema salientou na súa intervención o gran prestixio que goza a universidade pública española no que atinxe á formación en Enxeñaría Civil, un feito que se traduce na participación de empresas españolas nos procesos e concursos internacionais para o desenvolvemento e construción de grandes infraestruturas, ao tempo que favorece a inserción laboral dos titulados egresados, que aínda hoxe teñen oportunidades de traballo no estranxeiro, sobre todo naqueles países con economías emerxentes, e seguen a ser solicitados polas grandes compañías do sector. A Escola Politécnica egresou nestes dez anos preto de 400 enxeñeiros e graduados en Obras Públicas, unha enxeñaría técnica ahora reconvertida en grao en Enxeñaría Civil, e en Xeomática e Topografía, o título resultante da transformación da xa extinta enxeñaría técnica en Topografía. Estas dúas titulacións, que nos primeiros anos da súa implantación no campus de Lugo tiñan unha demanda de alumnado que multiplicaba a oferta de prazas dispoñibles, teñen rexistrado unha merma sensible na súa matrícula, indicou Bueno Lema. Aínda así, engadiu o director da Politécnica, “a caída do alumnado inscrito nestas enxeñarías é unha cuestión conxuntural, que pensamos que revertirá en canto a economía española supere esta fase de crise e se recuperen as partidas orzamentarias para inversión en obra pública”. Enxeñaría Civil e Xeomática e Topografía son titulacións, que, a pesar da conxuntura actual, teñen futuro, pois permiten a formación dun colectivo de profesionais que aínda son necesarios no mercado, dixo o profesor Alberte Castro. Este docente na Escola Politécnica lembrou asemade que alén da construción de novas infraestruturas, a obra pública tamén contempla outras vías de actuación como son a conservación e o mantemento, o desenvolvemento de sistemas integrados de transporte... “Estas dúas titulacións, que responden a profesións necesarias na sociedade, aínda seguen a xerar postos de traballo e o mercado non está saturado de profesionais”, subliñou Alberte Castro. O coordenador do grao de Enxeñaría en Xeomática e Topografía na Escola Politécnica, Jaime Rodríguez Pereña, mantén asemade que a crise do sector da construción ten provocado a merma da matrícula nestas titulacións de enxeñaría civil. Rodríguez Pereña rexeita reducir a datos de matrícula o éxito e a pertinencia destas titulacións, porque “son datos conxunturais deste momento e que afectan a toda a universidade española”. De feito, engadiu, “a efectos de matrícula no grao en Xeomática e Topografía, a Escola Politécnica Superior de Lugo atópase en parámetros semellantes á Politécnica de Madrid ou de Barcelona”. O director da Escola Politécnica Superior garantiu asemade a continuidade destas dúas titulacións no campus lugués a expensas da evolución das estatísticas de matrícula, pois a Politécnica é un centro multititulación que, se chegado o momento non cumpre cos mínimo de matrícula esixido pola Xunta para manter calquera desteas titulacións, pode deseñar un curso conxunto cos contidos básicos comúns ás dúas enxeñarías. Bueno Lema reiterou asemade o seu disentimento cos criterios de matrícula empregados pola Administración, porque a realidade demostra que calquera destas dúas enxeñarías inscribe cada ano arredor de 50 novos estudantes, aínda que non todos en primeiro curso por primeira vez, que son os que computan. Respecto do balance dos dez primerios anos da implantación das enxeñarías Civil e Xeomática e Topografía no campus de Lugo, o director da Politécnica lembrou que o centro universitario lugués ten egresado neste período preto de 400 enxeñeiros titulados ou graduados nas oito promocións que saíron do centro, 225 en Obras Públicas e Enxeñaría Civil, e 155 na enxeñaría técnica en Topografía e no grao en Xeomática e Topografía. Actos conmemorativos do X aniversario. O relatorio que ofrecerá o vindeiro venres, 7 de febreiro, a partir das 18.30 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo, o enxeñeiro F Javier Vicente Gómez, que falará sobre os viaductos singulares de plataforma ferroviaria en Galicia, abrirá o ciclo de relatorios programado co gallo da celebración deste décimo aniversario. Este ciclo terá continuidade o 13 de febreiro, data na que se celebrará un acto institucional conmemorativo do décimo aniversario da implantación dos estudos de Enxeñaría Civil no campus lugués. Esta sesión, á que asisitirán diversas autoridades políticas locais, provinciais e autonómicas, así como representantes dos órganos profesionais colexiados, inclúe tamén un relatorio sobre a enxeñaría de pontes e as pontes romanas en Galicia, a cargo de Manuel Durán Fuentes, o enxeñeiro que dirixiu a rehabilitación da vella ponte romana de Lugo. Á semana seguinte, concretamente o día 21 de febreiro, Carlos Fernández Casanova falará sobre a nova EDAR de Lagares, en Vigo. A mediados de febreiro, a Politécnica acollerá a mostra ‘A ponte vella de Lugo. Arqueoloxía e enxeñaría histórica’, organizada en colaboración co Concello de Lugo. Xa no mes de marzo, a EPS amosará nunha exposición polas rúas da cidade de Lugo algúns dos mellores proxectos de fin de carreira presentados ao longo destes anos polos titulados egresados nestas dúas enxeñarías e que atinxen a actuacións no concello de Lugo ou na súa contorna. Tamén en marzo se celebrará o acto institucional conmemorativo do X aniversario da titulación de Enxeñaría en Xeomática e Topografía. Outras actividades previstas na segunda metade do semestre son a realización dunha exposición fotográfica sobre obras singulares de Enxeñaría Civil en Galicia, e a convocatoria dun concurso de deseño de logotipo para o grupo de innovación docente en Enxeñaría Civil, segundo adiantou o director da Escola Politécnica Superior, quen agradeceu a colaboración recibida das propias comisións de títulos, así como da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo e do propio Concello para a celebración destes actos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.02.2014.