As políticas de persoal, o estudantado e a transformación dixital, eixos do Informe de Xestión 2019-2022 presentado polo reitor no Claustro

A renovación e estabilización do persoal conforman, xunto coas accións destinadas a devolver o estudantado ao centro da política universitaria, e a transformación dixital, tres dos logros sobre os que se asenta o Informe de Xestión 2019-2022, presentado na sesión do Claustro Universitario deste venres 12, a primeira deste órgano colexiado en 2023.
O documento desenvolve unha análise completa da Programación Plurianual 2019-2022, dando así conta das metas acadadas así como das cuestións pendentes en cada un dos eixes, liñas de actuación e accións que a compoñen. O Informe de Xestión, estruturado en sete apartados, céntrase na atención ao estudantado, no compromiso co persoal, no servizo que a institución académica presta á sociedade, en situar a USC na vangarda do coñecemento, proxectar a Universidade de Santiago polo mundo, a xestión intelixente dos recursos, así como aprender da experiencia da COVID-19 para conseguir unha universidade máis segura e flexible.
“No período 2019-2022 son diversas as frontes que puidemos abordar, entre as que destaca o relevo xeracional no cadro de persoal docente e investigador así como no de persoal de administración e servizos. Non hai dúbida de que se deron pasos importantes, mais cómpre manter o pulso nos vindeiros anos para poder resolvelo de xeito satisfactorio”, explicou o reitor Antonio López. Tamén no ámbito das relacións laborais, o reitor destacou os acordos coas agrupacións sindicais e o proceso de estabilización do persoal investigador con cargo ao capítulo VI, sendo a USC a única universidade de España que o ten acometido. Ademais, entre a creación de prazas para a iniciación da carreira docente e aquelas outras dirixidas á promoción do PDI, a USC deu pulo nos últimos anos a máis de 600 prazas de profesorado.
A aposta decidida polo persoal pero tamén polas infraestruturas desenvolveuse en consonancia coa contención e a redución dos gastos correntes, o que permitiu incrementar partidas para infraestruturas e equipamentos, as cales se viron duplicadas, alén de aumentar o crédito descentralizado, aquel que se destina a centros e departamentos e que neste último caso se triplicou. A institución compostelá tamén progresou no relativo á débeda, a cal ascendía en 2018 a 26 millóns de euros, dos cales xa se amortizaron 13, e estímase que estea saldada en 2028. “Estes aspectos foron posibles grazas ao axuste orzamentario, á renegociación da débeda e á negociación dun novo plan de financiamento do SUG”, sinalou o reitor.
A evolución do alumnado nestes anos foi, en termos xerais, positiva, tal e como sinala o Informe de Xestión, superando a barreira dos 20.000 para os matriculados nas titulacións de grao e un crecemento continuo no alumnado de mestrado (superando os 2.200 no curso 2022-2023). Os títulos de grao que presentan unha cobertura igual ou superior ao 100% das prazas ofertadas representan o 73%. Por Campus é importante sinalar a recuperación continua do alumnado matriculado nas titulacións que se ofertan no Campus de Lugo, que incrementan a súa demanda nos tres niveis de estudo: grao, mestrado e doutoramento. Grazas ás novidades introducidas na súa oferta docente, como poden ser os graos en Robótica ou Bioquímica, o incremento representa un 44%, explicou o reitor.
A aceleración da transformación dixital que engloba tanto a parte tecnolóxica (a ciberseguridade e a seguridade da información dende a invasión de Ucraína) como a parte funcional (por exemplo, os procedementos de ámbito académico están todos eles xa automatizados) foi unha das tarefas nas que estiveron involucradas diversas áreas do goberno. Abrir e mellorar as canles de comunicación coa comunidade universitaria “foi outro dos aspectos senlleiros neste período, no que podemos citar a creación do Consello do Estudantado, a renovación completa da páxina web ou a creación e posta en marcha da app da universidade”, destacou.
Ademais, o reitor reservou un oco da súa intervención á aprobación da nova Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), a cal obriga, continuou Antonio López, a abordar unha reforma estatutaria para adaptar os Estatutos da USC ao novo marco normativo e ao abeiro do cal será preciso definir, entre outras cuestións, a planificación estratéxica da USC.
Finalmente, a pandemia da COVID-19 supuxo “un esforzo enorme” para toda a comunidade universitaria que tivo que mudar e adaptarse a períodos de peche e semipresencialidade para manter a actividade docente e investigadora tratando de mitigar os impactos negativos que supuxo a pandemia no quefacer cotián. Na Programación Plurianual inicialmente aprobada implicou incluír un eixe novo de actuación para superar as incertezas que se foron producindo durante a evolución da pandemia, tratando de manter en todo momento o compromiso coas ideas amosadas inicialmente á comunidade universitaria ao comezo do primeiro período do mandato de goberno.
Informe do valedor
Na sesión do Claustro, tamén se deu lectura ao Informe do Valedor da Comunidade Universitaria correspondente ao ano académico 2021-2022. Neste curso fixéronse, por parte dos estamentos da Universidade, aínda que sobre todo por parte do estudantado e a través de distintos medios, 68 consultas solicitando información e/ou axuda sobre diferentes cuestións que logo normalmente non remataron na presentación de queixas. Máis da metade delas versaron sobre aspectos relativos á docencia e avaliación e tamén a procedementos de xestión. En canto ás queixas recibidas, presentáronse un total de 55, sendo docencia e avaliación académica o tema con maior peso no cómputo global. Destas, houbo cinco que non foron admitidas a trámite ben por non apreciarse nelas ningunha conculcación de dereitos de algún membro da comunidade universitaria, por desbordar as competencias do Valedor ou por estar fóra do seu ámbito de actuación.
Propostas
O claustro debateu tamén diversas propostas que abrangueron temáticas diversas: dende fomentar a coordinación entre facultades, departamentos e grupos de investigación para asegurar o acceso efectivo de todas e todos os investigadores da USC ao material e equipamento necesarios para o desenvolvemento do seu labor; ata a creación dunha unidade do Servizo de Bolsas e axudas ao estudo para poder orientar o estudantado neste eido de forma presencial. Tamén se acordou manifestar o rexeitamento ante o estado actual do campus e instar ao concello a realizar as actuacións precisas e a formular os instrumentos necesarios para garantir un correcto estado e conservación; abordouse a necesidade de abrir un proceso de debate para a definición dunha política propia de investigación, actividade académica e transferencia á contorna; a elaboración dun plano estratéxico de desenvolvemento e infraestruturas dos campus; e a habilitación por parte da USC de espazos propios para as organizacións.
Comisión de Internacionalización
Finalmente e coa intención de que o Claustro participe e contribúa á definición dunha estratexia propia no proceso de internacionalización da USC, creouse unha comisión específica nesta materia que estará integrada por Roberto Bande Ramudo, Ramón Ángel Bouzas Lorenzo, Rosa Marta Gómez Pato, Massimo Lazzari, Adolfo Paz Silva, Mª José Sampedro Vizcaya e Mª del Carmen Sánchez Carreira (todos/as do Sector I, profesorado doutor con vinculación permanente); Julio Nóvoa Fernández do Sector III, correspondente ao estudantado; e Alba Cachafeiro Requeijo, Martín Cacheiro Martínez e Jesús Juan Lamas Alvariño (todos/as do Sector IV, persoal de admistración e servizos).


