Ir o contido principal

Ponse en marcha ‘Punto e seguido’, unha nova proposta multidisciplinar dentro das actividades de Lugo Cultural

A presentación do programa 'Punto e seguido' contou coa presenza (de esquerda a dereita) de Antón Bao, José Carlos R. Andina, Pedro García Herradón e Mario Outeiro
A presentación do programa 'Punto e seguido' contou coa presenza (de esquerda a dereita) de Antón Bao, José Carlos R. Andina, Pedro García Herradón e Mario Outeiro
O encontro desenvolverase do 21 ao 28 de maio e inclúe representacións de teatro, danza e música en diferentes espazos da capital lucense

As actividades ofertadas dentro do programa Lugo Cultural 2012 complétanse cun novo espazo denominado ‘Punto e seguido’. A proposta nace co obxectivo de amosar os traballos que, nas diferentes areas das artes escénicas e musicais, xurdiron neste curso académico froito das actividades formativas e de creación que se desenvolven en Lugo. Ao mesmo tempo, tamén se integra nesta nova proposta parte da oferta dos ciclos ‘Lubicán’ e ‘Músicas a carón da Mosqueira’ de Lugo Cultural, un programa do que forman parte a Universidade de Santiago, a Xunta de Galicia e a Deputación e o Concello de Lugo. Establécese así un marco no que as diferentes áreas (música, danza, teatro...) poidan dispoñer de espazos propios, facilitando aos grupos e compañías os espazos e os medios necesarios que posibiliten a exhibición dos seus traballos. ‘Punto e seguido’ atende de xeito preferente os proxectos dos grupos universitarios, tanto oficiais como independentes, ao tempo que se convida tamén a diferentes centros docentes lucenses (públicos e privados) a amosar o seus traballos. No acto de presentación do programa participaron o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o responsable da Área Cultural da Delegación da Xunta de Galicia en Lugo, José Carlos Rodríguez Andina; otenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Antón Bao; e o deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro. Unha semana de actividades O programa desenvolverase entre os días 21 e 28 de maio en distintos espazos da cidade e da universidade: a Facultade de Veterinaria, a residencia universitaria Bal e Gay, o Círculo das Artes, o auditorio Gustavo Freire e a praza de Santa María. O luns 21 de maio arranca o ‘Punto e seguido’ ás 18.00 horas na Facultade de Veterinaria coa instalación-intervención 21 homes ocos do Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago (GCSUS). O mesmo día 21, ás 20.00 horas e no auditorio Gustavo Freire, a Compañía de Danza da USC en Lugo representará a obra A escoita do corpo, a Compañía da USC Mudanza porá en escena a coreografía Vinte caixas e o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo estreará Amélie, peza inspirada no filme do mesmo nome. O martes 22 a residencia Bal e Gay do campus lucense será o escenario para a estrea da obra teatral Sombra vermella, da compañía de teatro universitario Tik Teatro (20.30 horas). O mércores 23 a actividade trasládase novamente ao auditorio Gustavo Freire, onde ás 20.30 horas a Compañía de Teatro da USC en Lugo representará a súa última produción, In yer face. Na túa cara. O xoves 24 a cita é dobre. Ás 18.30 horas desenvolverase na praza de Santa María un concerto colectivo a cargo da Banda do Centro de Música Fingoi, o Conservatorio Profesional de Música e a escola musical Fábrica de Sons. E ás 20.30 horas terá lugar no auditorio Gustavo Freire o concerto do grupo Lobalú, que se encadra dentro do programa ‘Lubicán’. ‘Punto e seguido’ pecha as súas actividades o luns 28 ás 20.30 horas no Círculo das Artes, onde se celebrará o recital do Coro da Universidade de Santiago de Compostela, acompañado pola Capela Compostelá. O concerto leva por título ‘Nueva España. Música do período virreinal. Catedrais de México, La Puebla e Santiago de Compostela’, e forma parte do programa ‘Música a carón da Mosqueira’ do Lugo Cultural 2012. A entrada en todos os casos será gratuíta ata completar a capacidade das distintas salas onde se desenvolven as actividades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.05.2012.