A pontevedresa Letizia Silva recibe o premio do concurso de logos do Grupo de Innovación Docente de Enxeñaría Civil da USC

A alumna do ciclo superior de Produción e Artes Gráficas no IES Montecelo de Pontevedra Letizia Silva Fernández recolleu este mércores o premio do concurso de logotipos convocado polo Grupo de Innovación Docente de Enxeñaría Civil (GIDEC) da USC e que servirá de imaxe corporativa deste colectivo docente que procura novas metodoloxías de ensino en aras a favorecer a aprendizaxe.
A proposta presentada por Letizia Silva ao concurso, na que combina de xeito harmónico as siglas do nome deste grupo universitario, así como cunha ponte por diante duns libros con ventás a xeito de edificios, foi a candidatura das 11 presentadas que acadou unha maior valoración por parte do xurado, que adoptou a súa decisión por unanimidade. O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro, foi o encargado de presidir a cerimonia de entrega do premio deste concurso de logos á gañadora no marco dun acto académico no que tamén estiveron presentes o presidente do xurado que fallou o galardón e ex vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; o director en funcións da Escola Politécnica Superior de Lugo, Tomás Cuesta; o coordinador do título de grao en Enxeñaría Civil da USC, Alberte Castro, e o profesor da USC e membro do GIDEC, Carlos Núñez.
Alberte Castro destacou no acto de entrega do premio, que consistía nunha tableta electrónica, a alta calidade de todos os traballos presentados ao concurso, ao tempo que salientou a creatividade dos participantes. Asemade, Castro tamén agradeceu a presenza no acto do director do IES Montecelo de Pontevedra, Miguel Carballa, así como doutros dos alumnos deste centro educativo que tamén tomaron parte no certame.