Ir o contido principal

Os posibles aproveitamentos das plantas medicinais centran este mércores unha xornada divulgativa en Caldas de Reis

A profesora da USC Rosa Mosquera e a investigadora Ruth María Barros abordan esta temática no marco do ciclo ‘A conservación do medio natural, tarefa común’

As posibilidades de aproveitamento das plantas medicinais centran este mércores, día 29 de outubro, unha nova sesión das xornadas divulgativas ‘A conservación do medio natural, tarefa común’. A profesora do Departamento de Produción Vexetal da USA na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo e a tamén investigadora do mesmo departamento universitario Ruth María Barros Camba serán as relatoras encargados de abordar esta temática nunha dobre sesión, unha matinal dirixida a estudantes de ensino secundario do IES Aquis Celenis, e outra aberta ao público en xeral, que se celebrará en quenda de tarde no Auditorio Municipal.

A sesión matinal, orientada ao estudantado e ao persoal do IES Aquis Celenis de Caldas de Reis desenvolverase a partir das 12.15 horas no Auditorio Municipal. A xornalista Raquel Laiño Rodríguez será a encargada de moderar a sesión. Xa o mesmo escenario acubillará, a partir das 20.15 horas, unha sesión aberta ao público en xeral e que contará como relatores cos mesmos protagonistas. Este foro divulgativo sobre posibles aproveitamentos das plantas medicinais encádrase no marco das xornadas divulgativas ‘A conservación do medio natural, tarefa común’, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela. Este ciclo, que comezou a súa andaina o 24 de setembro percorrerá por 20 concellos galegos nos que, dun ou doutro xeito, deixou a súa pegada o Camiño de Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2014.