Ir o contido principal

As potencialidades do galego como lingua para o emprendemento, a tecnoloxía e a comunicación, a debate nunhas xornadas en Lugo

De esquerda a dereita, Antonio Veiga, Marta López e Xusto Rodríguez, durante a inauguración do foro 'Proxéctate en galego', na Casa do Saber de Lugo
De esquerda a dereita, Antonio Veiga, Marta López e Xusto Rodríguez, durante a inauguración do foro 'Proxéctate en galego', na Casa do Saber de Lugo
O foro 'Proxéctate en galego' desenvólvese os días 26 e 27 na Casa do Saber, e o domingo 28 os participantes no curso realizarán unha visita de estudos á Ribeira Sacra

As comisións de normalización lingüística dos centros do Campus de Lugo organizan conxuntamente entre os días 26 e 28 de outubro o foro Proxéctate en galego.A actividade, que se celebra na Casa do Saber adxunta á Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, foi inauguradapola profesora da USC Marta López Alonso (presidenta da Comisión de Normalización da Facultade de Veterinaria de Lugo); o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Antonio Veiga; e o técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC no Campus de Lugo, Xusto Rodríguez Río. Marta López destacou na súa intervención que este encontro "é a concreción e o froito de tres anos de traballo nas comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo" e afirmou que o aproveitamento "en clave galega" dos recursos e tecnoloxías "é unha poderosa ferramenta para o desenvolvemento dos osos proxectos persoais e profesionais". Tamén salientou a próxima posta en marcha do 'Espazo USC: Proxéctate en Galego', "que dará continuidade ao labor desenvolvido ata agora". Pola súa parte, Antonio Veiga puxo de relevo a función do idioma "como o elemento central da nosa riqueza inmaterial, e indicou que iniciativas coma esta "axudan a rachar os tabús que aínda existen con respecto ao galego e ás súas potencialidades". Ademais, Veiga solicitou "un novo marco lexislativo" para a o galego e remarcou "o compromiso continuo da institución provincial coa nosa lingua propia nestes últimos catro anos". Para Xusto Rodríguez, "o obxectivo deste encontro é demostrar que o galego non só non é un inconveniente para o desenvolvemento de calquera iniciativa, senón que pode ser un valor engadido, como demostra nas experiencias que se presentan", e amosou a súa satisfacción"polo traballo conxunto dos centros do Campus de Lugo na posta en marcha dun proxecto común coma este". Xornada do venres O primeiro dos relatorios corre a cargo do concelleiro de Medio Ambiente de Allariz (Ourense), Bernardo Varela, e leva por título 'Allariz, un caso de creación de emprego e riqueza a partir da valorización do patrimonio', logo do cal se desenvolve unha mesa redonda sobre emprendemento e lingua galega moderada pola profesora Mar Pérez Fra e na que participan os xerentes das sociedades Galchimia, Lugar da Veiga e Granxa Arqueixal. A xornada de mañá péchase coa actuación musical de Mini e Mero. A sesión de tarde comeza coa intervención de Diego Vázquez, de Imaxin Software, quen falará sobre as novas oportunidades no ámbito tecnolóxico no marco dun mundo globalizado. A continuación, os profesores da USC Marta López Alonso e Francisco Candia presentarán o proxecto 'Espazo USC: Proxéctate en Galego', unha plataforma dixital que busca mostrar o valor do galego como lingua vehicular en calquera ámbito profesional e científico que axiña será accesible desde a páxina web da USC. Este proxecto, concibido a modo de portal virtual (a partir de foros de debate, obradoiros, escaparate de novidades, compendio de documentos e fornecedor de ferramentas para a potenciación do galego no ámbito académico e científico) recibiu en 2011 o premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras outorgado polos servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. A xornada complétase cunha mesa redonda sobre tecnoloxía e lingua galega, moderada por Antonio Pérez Casas (da Área TIC da USC) e na que participan representantes dos proxectos A Navalla Suíza, PuntoGAL e CINFO. Sábado e domingo O sábado 27 o programa iníciase co relatorio 'Pescudando nas orixes da materia', a cargo do profesor da USC Cibrán Santamarina. A continuación, unha mesa redonda moderada polo profesor da USC Marcelo Maneiro analiza a relación entre ciencia e lingua galega coa presenza de Manuel Vicente (director do programa da TVG Efervesciencia), Manuel Díaz (presidente de Igaciencia) e Ánxela Bugallo (profesora da Universidade da Coruña). A tarde do día 27 arranca cunha charla da profesora da Universidade da Coruña Charo Portela sobre a figura de Valentín Paz Andrade, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas deste ano. A derradeira mesa redonda do foro estará centrada na dinámica entre lingua galega e multiculturalismo e nela toman parte as profesora da USC Carme Silva e Montserrat Souto, e Isabel Vaquero, do Servizo de Normalización Lingüística da USC; a profesora Carmen Blanco actuará como moderadora do debate. A actividade do domingo 28 consiste nunha viaxe á Ribeira Sacra lucense para visitar as instalacións da empresa Bodegas Moure (O Saviñao), e que inclúe tamén unha excursión en catamarán polo encoro de Santo Estevo, desde o que se poderán contemplar os bancais de viñedos e os edificios senlleiros da zona.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.10.2012.