As potencialidades e a xestión dos activos micolóxicos, a análise nun foro de Mikogest na EPS de Enxeñaría

As potencialidades dos recursos micolóxicos como activos forestais non madeireiros, a mellora da súa xestión económica e potenciación da estrutura produtiva serán obxecto de análise e debate da xornada que o grupo nacional Xestión dinámica innovadora dos recursos micolóxicos (Mikogest) celebrará o vindeiro 28 de xullo na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, o escenario no que investigadores, produtores e empresas debaterán sobre futuras iniciativas orientadas a valorizar un sector que en Galicia xa comeza a ser importante, aínda que podería ata triplicar a súa actual repercusión, segundo apunta o catedrático da USC Antonio Rigueiro.
A xornada ‘Go Mikogest’ programada na sede universitaria luguesa servirá para coñecer diversas propostas para mellorar o aproveitamento destes recursos naturais a través dunha xestión dinámica e eficaz de sistemas de regulación da recolección, o que permitiría a todos os propietarios de montes ou terreos produtores desenvolver unha actividade sustentable e á vez eficiente e capaz de proporcionar moito máis valor engadido.
A produción de setas en Galicia comeza xa a ser importante, tanto polo seu volume como pola actividade empresarial asociada ao sector, comenta o catedrático da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo Antonio Rigueiro, quen logo de precisar que os cogomelos máis abundantes e habituais en Galicia son as variedades boletus, cantarela e níscalo, precisou que a súa produción xa é importante e podería incrementarse de xeito notable.
Rigueiro referiuse a algúns estudos desenvolvidos e outros traballos que se están a realizar na contorna courelá para cifrar entre 50 e 100 quilogramos por hectárea de souto ou piñeiral a produción de boletus. Esta produción podería situarse arredor dos 150 quilos no caso das cantarelas, engadiu este investigador da USC, para logo situar entre cinco ou seis euros o diñeiro que perciben as persoas que colleitan estes cogomelos.
“A rendibilidade que poden achegar os recursos micolóxicos é clara, aínda que podería se moito maior, xa que en Galicia aínda non somos capaces de acadar valor engadido a uns activos forestais que poden chegar a multiplicar por oito o seu valor noutros mercados nacionais e internacionais”, explica Rigueiro, que non dubida en recoñecer que a poboación galega presenta bastante micofobia.
Programa das xornadas
A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, Tomás Cuesta, e o xefe da área forestal da Cesefor, Roberto Rubio, inaugurarán, ás 9.30 horas, no salón de actos da EPSE, as xornadas técnicas e divulgativas, cuxa quenda de relatorios programadas se desenvolverá en sesión matinal. As persoas interesadas en participar nas xornadas, xa de xeito presencial ou telemático, poden formalizar a súa inscrición na web www.mikogest.net.