A práctica libre no estadio de atletismo ábrese a maiores de 14 anos
A práctica libre no estadio de atletismo está xa aberta a todas as persoas maiores de 14 anos. Para asistir á instalación será necesario realizar previamente, en liña, a correspondente reserva de uso. A sala de acondicionamento físico, o muro de escalada, tiro con arco, así como a piscina, está previsto que abran ao inicio do vindeiro curso.
As persoas que acudan ao estadio deberán adaptarse ás estritas medidas de seguridade definidas polo Servizo de Deportes por mor da crise da COVID-19. Neste senso, só se pode facer uso da pista de atletismo e os espazos anexos exteriores, para adestramento de atletismo e acondicionamento físico individual. Os aseos están dispoñibles pero non os vestiarios.
Reserva de uso
A reserva de uso é coma unha entrada pero para unha data, horario e tipo de adestramento concreto que as persoas usuarias deberán adquirir previamente por internet. Pódense adquirir soltas ou por bonos de cinco usos. Unha vez adquirido o bono deberase concretar cada reserva de uso que se queira facer. A reserva farase para unha franxa de duración máxima dunha hora e corenta e cinco minutos. Só se pode estar na instalación dentro da franxa horaria, así que esta inclúe tanto o tempo de acceso e preparación coma o de recollida de material e saída. Os horarios concretos para cada época do ano estarán publicados na web e nos taboleiros da instalación.