Ir o contido principal

O prazo de matrícula do IV Ciclo permanece aberto ata o 30 de outubro

Para persoas maiores de 50 anos con independencia do seu nivel de estudo

O prazo de matrícula do IV Ciclo Universitario, un programa formativo que a USC oferta desde 1997-1998 para persoas maiores de 50 anos con independencia do seu nivel académico e sen necesidade de estudos primarios, permanecerá aberto ata o 30 de outubro.
Este programa impártese nos dous campus da USC, Lugo e Compostela, estruturado en cinco cursos. Os tres primeiros de carácter xeral e con tres materias en cada un, e os dous últimos cursos de especialización no que o alumno se matricula dunha única materia coa que completa a totalidade dos créditos.
O IV Ciclo da USC ten como obxectivo promover a incorporación de alumnos maiores de 50 anos aos estudos universitarios, favorecendo a súa integración e participación en procesos formativos que respondan ás necesidades e expectativas deste colectivo social. Con este nivel educativo a USC pretende vencellar e amplificar a oferta de estudos universitarios, con criterios de interdisciplinariedade e en consonancia cos principios que inspira a educación continuada como experiencia global que se desenvolve ao longo de toda a vida de cada individuos, subliñando o protagonismo das persoas maiores.
Ademais, o programa do IV Ciclo posibilita que as persoas maiores compartan e desenvolvan iniciativas docentes e de extensión cultural propias do contexto social e institucional universitario, adoptando os criterios organizativos, normativos e metodolóxicos que cumpran para alcanzar ese fin. Trátase dun programa universitario de formación que se está a desenvolver na meirande parte das universidades do Estado, así como en moitas outras institucións universitarias do países do noso contorno.
Para acadar maior información ou resolver calquera dúbida, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa Secretaría do IV Ciclo na Escola de Enfermaría de Santiago, na ext. 12067, no correo electrónico ivciclo [at] usc.es (ivciclo[at]usc[dot]es), ou na súa páxina web www.usc.es/ivciclo/.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2009.