O prazo para matricularse nos obradoiros de elaboración de TFG ou TFM remata o día 25
Á hora de elaborar os traballos de fin de grao ou traballos de fin de mestrado o alumnado enfróntanse a numerosas dúbidas, tanto de contido como formais. Para axudalos neste aspecto contan cos modelos de traballos e cos obradoiros de elaboración de TFG e TFM, co que obterán a máxima calidade formal e en lingua galega. Os modelos, dispoñibles tanto en Word como en Libre Office, presentan solucións formais en relación ás partes do traballo (portada, resumo, índices, capítulos, bibliografía...) e ao formato (estilos, paxinación, inclusión de táboas, gráficos ou imaxes), e inclúen ferramentas de apoio á redacción: o idioma do documento está fixado, e o corrector automático listo para iniciarse. Deste xeito quen queira utilizar estes modelos só terá que centrarse no contido, deixando á marxe cuestións puramente técnico-formais. Obradoiro Co Obradoiro de elaboración de TFG e TFM mellorarase a redacción ademais de preparar a defensa oral do traballo diante do tribunal, coa axuda de presentacións dixitais. O curso combinará exposicións teóricas e sesións prácticas, e nas horas non presenciais o alumnado deberá revisar o seu traballo de fin de grao ou de fin de mestrado segundo o modelo que se lles fornece e as pautas do curso. Logo haberá unha serie de sesións presenciais de posta en común para comentar as dúbidas, erros e acertos. No obradoiro pode participar todo o alumnado matriculado na materia ‘Traballo de Fin de Grao’ ou ‘Proxecto de fin de carreira’ ou que teña que elaborar o TFM, con nivel de Celga 4 ou equivalente. Nas 30 horas do curso, 23 delas presenciais, as persoas asistentes verá contidos lingüísticos-documentais (redacción, terminoloxía, corrección e revisión, partes do traballo, uso de modelos) e informacionais (busca, selección e inclusión de recursos de información -Refworks-) para a redacción do traballo.
As persoas matriculadas no curso verán recoñecida a participación con 1 crédito ECTS por competencias transversais (en lingua galega) para todas as titulacións de grao e un diploma de asistencia por 30 horas. A matrícula no curso (30 euros) faise a través de Internet na páxina do SNL ata o día 25 de maio ás 24.00 horas.