Ir o contido principal

O prazo para participar en Compete x Galicia remata o 6 de xullo

É un programa de competencias para universitarios/as e titulados/as recentes

O proceso de presentación de solicitudes a Compete x Galicia, programa de competencias para universitarios/as e titulados/as recentes, estará aberto ata o 6 de xullo cunha oferta de 50 prazas para cada unha das tres universidades galegas. Este programa da Fundación Barrié ofrece formación práctica sobre as competencias máis demandadas no contorno laboral, como comunicación, capacidade de liderado, negociación, iniciativa ou orientación a resultados, todas elas competencias transversais coas que este programa busca reforzar os planos de estudo dos/as universitarios/as na etapa máis temperá do seu desenvolvemento profesional. Na edición deste ano inclúense estadías de observación en empresas galegas para coñecer de preto o funcionamento interno dunha organización e un proceso de mentoring individual cun mentor profesional. Para participar é preciso ter cursado estudos universitarios nalgún dos centros galegos ou estar cursándoos e ter aprobado o 75% dos créditos da titulación. Compete x Galicia desenvólvese en colaboración coa Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as universidades galegas. O pasado ano, esta iniciativa levouse a cabo nas tres institucións universitarias galegas cun total de 100 horas de formación e 25 seminarios impartidos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.06.2014.