O prazo para solicitar praza de grao mediante preinscrición ordinaria manterase aberto dende este luns 20, ata o 28 de xullo

Dende este luns 20 de xullo e ata o vindeiro día 28 será posible solicitar praza nas titulacións de grao que oferta a USC a través da denominada preinscrición ordinaria. O 11 de agosto daranse a coñecer os nomes dos alumnos e alumnas admitidas, así como a primeira listaxe de agarda. As persoas que lograsen acadar praza neste primeiro chamamento deberán formalizar a matrícula entre o 12 e o 13 de agosto. Entre os meses de agosto e outubro, abriranse un total de nove prazos de matrícula.
Dende que o pasado xoves se desen a coñecer as cualificacións das ABAU, abriuse, asemade, o prazo para a revisión das mesmas, o cal se estenderá ata as 14.00 horas do martes 21 de xullo. As cualificacións definitivas destas probas de acceso publicaranse o xoves 23.
Nos centros do Campus de Santiago impártese a docencia de 35 graos e 9 dobres graos. As escolas e facultades do Campus de Lugo ofertan 17 titulacións: 15 graos e 2 dobres graos. Hai en total 10 titulacións na área de coñecemento de Artes e Humanidades, 9 na de Ciencias, 10 na de Ciencias da Saúde, 21 na de Ciencias Sociais e Xurídicas e, por último, 10 na de Enxeñaría e Arquitectura.