O prazo de solicitude de admisión nos estudos de doutoramento remata a vindeira semana
O 14 de setembro remata o prazo para presentar as solicitudes de admisión nos departamentos nos que cursar estudos de doutoramento na etapa de formación, formalizándose posteriormente a matrícula do 9 de outubro ao 7 de novembro. Para a etapa de tese o prazo de admisión e inscrición establécese do 1 ao 18 de outubro.
No curso 2007-08 a Universidade de Santiago ofrece un total de 66 programas de doutoramento, dos que 21 contan coa Mención de Calidade concedida polo Ministerio de Educación. Na área de Ciencias da Saúde ofértanse 15 programas, dos que 3 teñen a citada Mención; na de Ciencias Experimentais 13, con catro especialmente recoñecidas polo Ministerio; na de Ciencias Sociais e Xurídicas 16 programas, con 3 con mención de Calidade; 5 programas na Área de Ensinanzas Técnicas, dos que máis da metade contan co recoñecemento ministerial; e na de Humanidades son 17 os programas, 8 deles con Mención.
POP con doutoramentoNo curso 2007-2008 son oito os Programas Oficiais de Posgrao que xa ofertan estudos de doutoramento. Son Enxeñaría Biotecnolóxica, Historia contemporánea, Métodos matemáticos e simulación numérica en enxeñaría e ciencias aplicadas, Neurociencia, Ciencia e tecnoloxía química, Xerontoloxía, Estatística e investigación operativa e Ciencias da visión.
RequisitosOs aspirantes a cursar estudos de terceiro ciclo deberán ser licenciados, arquitectos, enxeñeiros ou equivalente por unha Universidade española. Poderán acceder a calquera programa de doutoramento relacionado cientificamente co seu currículo universitario, logo da admisión polo departamento ou instituto universitario responsable.
Os estudios de terceiro ciclo articúlanse en dúas etapas, unha primeira de formación dunha duración mínima de dous anos con cursos, seminarios e traballos de investigación tutelados dun programa de doutoramento. Unha vez superada realizarase unha valoración dos coñecementos adquiridos que, de ser positiva, garantirá a suficiencia investigadora do doutorando e permitirá a obtención do Diploma de Estudios Avanzados (DEA). Na segunda etapa realízanse traballos dirixidos polo director de tese que culminan coa elaboración da tese de doutoramento e non ten unha duración fixa.