A preinscrición no Verán CampUSC remata este mércores

O próximo mércores 10 remata o prazo para facer a preinscrición no Verán CampUSC 2017, programa da USC orientado a favorecer a conciliación familiar e laboral das familias durante o verán.
As persoas interesadas deberán cubrir o cuestionario establecido a tal efecto na páxina web da Fundación USC Deportiva. O día 12 de maio publicaranse as listas de persoas admitidas en cada quenda e a partir de aí e ata o 23 de maio poderase formalizar a matrícula. As inicialmente admitidas no período de preinscrición que non formalicen o pagamento antes do día 23 perderán a súa reserva e só poderán inscribirse no que caso de que haxa prazas libres.
Un programa completo
Actividades deportivas, culturais, socioeducativas e de lecer especialmente deseñadas para rapaces e rapazas de 3 a 13 anos conforman a oferta, con cinco posibles quendas e 100 prazas en cada unha delas, 70 reservadas á comunidade universitaria e persoal da Fundación USC Deportiva e as restantes para público xeral.
O programa, que por segundo ano conta coa colaboración do Concello de Santiago, desenvolverase en horario de 8.45 a 14.45 horas con cinco posibles quendas: do 26 ao 30 de xuño; en xullo, do 3 ao 14, do 17 ao 21 e do 24 ao 31; e en setembro entre os días 1 e 8. O programa levarase a cabo nas instalacións deportivas da USC e noutras acordadas segundo as actividades. Nesta edición está programada ademais unha viaxe ao Aquapark de Cerceda cuxa data concreta de saída será publicada a semana anterior.
Ao longo destes cinco períodos amosaráselles aos participantes as bases dunha importante cantidade de xogos e deportes atendendo ás particularidades das súas idades e desenvolvemento psíquico-físico. Os promotores de Verán CampUSC sosteñen que a práctica de actividades físico-deportivas resulta beneficiosa, non só no plano da saúde, senón tamén como vía para “ inculcar dun xeito lúdico os valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, dedicación e respecto ás normas que, sen dúbida, resultarán de utilidade para a vida cotiá”.
Entre outras, os rapaces e rapazas realizarán deportes de raqueta e de loita, psicomotricidade, deportes colectivos, sendeirismo, acrosport, xogos predeportivos e populares, entre outros. Dentro das actividades de ocio e tempo libre inclúense diferentes obradoiros con diversas técnicas e materiais (modelaxe, pintura, recortables ou papiroflexia), cancións, xogos cooperativos, actividades en favor da igualdade e visitas a lugares significativos da cidade e da súa contorna.