Ir o contido principal

Premian con 1.500 euros o mellor proxecto fin de carreira con licenza libre

A USC, a través do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións de Xestión Universitaria (CIXUG), convoca a VI edición do Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza Libre, dotado con 1.500 euros. O premio, patrocinado pola asociación GPUL e o propio Consorcio grazas aos convenios asinados coa AMTEGA para a difusión do software libre en Galicia, pretende difundir as vantaxes que ofrece a elaboración dun proxecto fin de carreira ou de grao baixo unha licenza libre. Unha maneira clara de diferenciarse do resto de proxectos presentados e de ser recoñecido pola ampla comunidade empresarial galega que traballa no marco do código aberto. Para presentarse ao premio, cuxo prazo remata o 31 de outubro, o proxecto debe ser realizado cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación, ademais de que o software desenvolvido teña unha licenza libre recoñecida pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Tamén son admitidos os proxectos que fagan uso de hardware libre. Poderá optar ao galardón calquera estudante matriculado nalgunha das titulacións de primeiro ou segundo ciclo do Sistema Universitario Galego, que teña presentado e defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira ou Grão, cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias do ano académico 2012-2013. Os interesados poden consultar as bases na páxina do premio en mancomun.org, ou poñerse en contacto coa Oficina de Software Libre do CIXUG.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.06.2013.