Ir o contido principal

O Premio da Crítica Galicia 2012 en Investigación recae na profesora Patricia Fra pola edición de Edith Wharton: Back to Compostela

Portada do volume galardoado co Premio a Crítica Galicia 2012 na modalidade de Investigación
Portada do volume galardoado co Premio a Crítica Galicia 2012 na modalidade de Investigación

A profesora Patricia Fra, como responsable da edición de Edith Wharton: Back to Compostela / Regreso a Compostela, foi recoñecida esta pasada fin de semana co Premio da Crítica Galicia 2012 na modalidade de Investigación. Este volume é unha edición literaria da profesora de Literatura Norteamericana da USC publicado polo Servizo de Publicacións da institución académica en 2011. A obra recolle en edición facsimilar –introducida, transliterada, traducida e anotada en inglés, galego e castelán por Patricia Fra– dous manuscritos inéditos da escritora norteamericana Edith Wharton (1862-1937), que a profesora Fra atopou durante unha estancia de investigación na biblioteca universitaria de Yale. Estes documentos son Last Spanish journey with W. Spain, 1925 (A última viaxe a España con W[alter]. España, 1925), que escribiu en 1925 durante a súa viaxe con Walter Berry e na que peregrinaron a Compostela, e o ensaio inacabado e sen datar, titulado Back to Compostela (Regreso a Compostela), que Wharton comezou a escribir cinco anos máis tarde e no que, presumiblemente, ía incluír información tanto do diario de 1925, como da súa segunda peregrinaxe a Santiago en 1928. Tanto a investigación da profesora Fra como a edición do libro foron sufragados pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, sendo titular da mesma Marta González.

O libro, ademais de organizar todo o material textual descrito, compleméntase con profusión de postais da época (1925-30) e fotografías actuais, que serven para contextualizar os itinerarios da escritora. O deseño e maquetación da obra son produto dun Traballo de Fin de Máster (TFM) realizado por Paula Cantero Rey, alumna do máster en Edición 2010-11 da USC e UVigo, que desenvolveu as súas prácticas no Servizo de Publicacións e executou o seu TFM baixo a titorización do director do Servizo e profesor de orotipografía e técnica editorial neste posgrao, Juan L. Blanco Valdés.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.11.2012.