O premio Humanitas recoñece a Asociación de familiares e enfermos de alzhéimer pola súa “traxectoria consolidada no coidado dos pacientes e as súas familias”

A Asociación de familiares e enfermos de alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas de Lugo (AFALU) acaba de ser recoñecida co premio Humanitas que outorga o Consello Social da USC xunto á Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela (Alumni-USC). A presidenta do Consello, Cecilia Sierra, e o vicepresidente de Alumni-USC, Carlos Herrero Latorre, fixeron entrega este venres dun galardón dotado con 2.000 euros e co que se pretende recoñecer accións e traxectorias que estean desenvolvendo actualmente persoas físicas, xurídicas, asociacións, empresas ou fundacións que se distinguiran pola súa dedicación e implicación en actividades solidarias, sociais ou humanitarias, en beneficio da mellora da calidade de vida da colectividade. Recolleu o galardón María del Carmen Pena Ledo, en representación de AFALU.
“Temos a ilusión de darlle estabilidade a este galardón e de que se converta nun referente da solidariedade na nosa comunidade”, dixo Cecilia Sierra no acto de entrega deste premio ao que se presentaron un total de 16 candidaturas que “desenvolven un labor encomiable”, engadiu a presidenta do Consello Social, o órgano de participación da sociedade galega na USC. “O Consello está obrigado a achegar a realidade social á universidade e viceversa”, dixo Cecilia Sierra. “O noso órgano quere apoiar e dar visibilidade a aquelas actividades solidarias que se levan a cabo ao noso arredor, impulsando dende a USC a solidariedade, o compromiso social e a formación en valores”, afirmou a presidenta.
Carlos Herrero destacou, pola súa parte, que AFALU “atende a máis de 140 enfermos de alzhéimer”, feito que entronca “co labor de servizo aos demais” que pretende recoñecer o premio. Finalmente, María del Carmen Pena Ledo deu as grazas por un galardón que non só implica impacto económico para a asociación, senón tamén “un empuxe moral e visibilidade”. O xurado, presidido polo reitor Antonio López e composto por membros de Alumni-USC e do Consello Social, reuniuse o pasado 16 de novembro e acordou outorgar o premio á AFALU, entidade sen ánimo de lucro, “cunha traxectoria consolidada no coidado dos pacientes e as súas familias”.