Os Premios Ángela Ruíz Robles á excelencia académica recoñecen 173 estudantes da USC

Un total de 173 estudantes da USC de diferentes cursos das titulacións de grao acaban de ser recoñecidos cos Premios Ángela Ruíz Robles á excelencia académica que outorga a Xunta de Galicia. No que atinxe aos campus, 135 premiados/as son do de Santiago e outros/as 38 do de Lugo. Os galardóns premiaron un total de 430 alumnos e alumnas do Sistema Universitario de Galicia. Este recoñecemento diríxese ao estudantado con mellores cualificacións no ano académico 2021/22 e concédese un por cada un dos cursos en que se estruturan os plans de estudos das titulacións oficiais de grao e en cada un dos centros en que se impartan, agás no derradeiro curso, no que se outorgan os Premios Fin de Carreira.
O premio consiste en 1.100 euros a cada unha das persoas beneficiarias. Ademais, as persoas premiadas que teñen unha nota media igual ou superior a 9 puntos reciben unha contía complementaria de 500 euros. Para poder ser premiado, o alumnado debía contar cunha nota media igual ou superior a oito puntos e ter superado a totalidade dos créditos matriculados, que como mínimo deben ser 60, entre outros requirimentos.
No relativo ás cualificacións, na USC a máxima nota é un 10 nos graos en Enfermaría (tres premiados), e en Física, Dereito, Mestre/a de Educación Infantil, Comunicación Audiovisual, Bioloxía e Xornalismo, cun único premiado con esa nota en cada titulación. No total das tres universidades, o 64% das galardoadas son mulleres e o 36% homes. A rama de coñecemento con máis premiados é Ciencias Sociais e Xurídicas (194), seguida de Enxeñaría e Arquitectura (72), Ciencias da Saúde (62), Artes e Humanidades (55) e Ciencias (47). Este é o primeiro ano no que estes galardóns reciben o nome de Ángela Ruíz Robles, mestra ferrolá de adopción, “que foi un exemplo de valores como o esforzo, o tesón, a excelencia, a continua aprendizaxe, a vocación de servizo á sociedade, idóneos para vencellalos a esta convocatoria de galardóns”, explican dende a Xunta de Galicia.