Ir o contido principal

Os Premios á Calidade Lingüística repartirán quince premios entre os mellores traballos realizados en galego

Os Premios á Calidade Lingüística destacarán os mellores traballos académicos, proxectos de fin de carreira (PFC) ou traballos de fin de grao (TFG) e os mellores traballos de fin de mestrado (TFM) redactados en galego neste curso académico 2013-2014. A USC convoca estes premios co obxectivo de fomentar o uso do galego entre o estudantado, ligado ao espallamento da cultura da calidade. Os X Premios á calidade lingüística abranguen todas as titulacións da USC, e daquela, todos os/as estudantes de grao, enxeñaría ou mestrado da USC que fagan os seus traballos en galego e obteñan cando menos a cualificación de aprobado poderán optar a estes premios, que contan co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Concederanse cinco premios á calidade, un por cada grande área de coñecemento, en cada unha das tres modalidades. Na de traballos académicos de curso outorgarase un premio de 150 euros por cada unha das grandes áreas de coñecemento (Ciencias da Saúde, Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura e Humanidades). As mellores propostas de TFG e PFC repartiranse un premio de 300 euros por cada unha das grandes áreas e, finalmente, para TFM entregarase un premio de 400 euros por cada grandes áreas. En todos os casos, os gañadores e gañadoras reciben ademais un diploma para o seu currículo. A presentación axeitada dun traballo ou documento, dende o punto de vista formal (calidade na redacción, boa estruturación da información, claridade e cohesión, correcto deseño, e por suposto, corrección lingüística e terminolóxica) é unha habilidade comunicativa que todo universitario/a debe posuír, e que neste concurso se liga á utilización da lingua galega. No web (http://www.usc.es/gl/servizos/snl/dinamizacion/calidade.html), ademais das bases e de información específica, o alumnado poderá atopar recursos de apoio (http://www.usc.es/gl/servizos/snl/dinamizacion/calidade_recursos) para mellorar a calidade dos seus traballos académicos, como léxicos e vocabularios, recomendacións de estilo académico ou a base de datos terminolóxica multilingüe bUSCatermos, con máis de 160 000 entradas, así como un modelo de documento de TFG e TFM.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.04.2014.