Os premios San Cidre 2015 do Colexio de Enxeñeiros Agrónomos distinguen un proxecto de construción dun lagar de sidra en Lugo

O proxecto de construción dun lagar de sidra natural no polígono industrial do Ceao, en Lugo, presentado na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC pola enxeñeira agrónoma Lucía Díaz Pardo, recibiu este martes o primeiro San Cidre 2015, un galardón dotado cunha dotación en metálico de 1.000 euros, ademais de diploma acreditativo, no marco dos Premios San Cidre 2015, unha certame a través do que o Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia distingue a calidade dos mellores proxectos de fin de carreira presentados polos enxeñeiros/as agrónomos/as titulados na USC entre abril de 2014 e febreiro de 2015.
A cerimonia de entrega dos Premios San Cidre 2015 serviu tamén para recoñecer a calidade dos proxectos presentados por Javier Grandío Vidal e Nuria María Díaz Pardo, que mereceron o segundo e terceiro galardón, respectivamente, por cadansúa proposta de desenvolvemento dunha planta de explotación de cebo e de tenreiros en Ouro, así como dunha planta de procesado de leite e elaboración de queixo en Friol. Estes dous enxeñeiros agrónomos egresados da USC recibiron como agasallo un diploma acreditativo, ademais de gozar da inscrición gratuíta no colexio durante un ano, unha vantaxe coa que tamén foi agasallado a autora do mellor proxecto. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, foi o encargado de presidir a sesión desenvolvida no auditorio da Casa do Sabe e na que tamén participaron o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Pedro Calaza Martínez; o director da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC, Tomás Cuesta, e a secretaria do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Alejandra Álvarez de Mon. O acto protocolario de entrega de premios e imposición de insignias aos enxeñeiros agrónomos titulados nas dúas últimas convocatorias comezou cun relatorio baixo o título ‘Enxeñaría + Agricultura = Binomio profesional para o século XXI’, a cargo de Pedro Calaza, quen estimulou coa súa intervención aos novos enxeñeiros agrónomos, aos que animou a emprender con ánimo e actitude positiva a súa actividade profesional. Ao remate desta intervención, Jesús F. Rodríguez Pallares, chief executive officier de O₂ Ocean, ofreceu no mesmo escenario o relatorio ‘O enxeñeiro agrónomo e a acuicultura’, unha intervención na que deu conta dalgunhas das súas experiencias no ámbito profesional no que traballa.