Presentación da campaña ‘Gústame o galego na USC’
A campaña ‘Gústame o galego’ chega a vindeira a semana á USC. Esta iniciativa que ao longo de catro días se achegará aos universitarios de Santiago e Lugo, é unha campaña xeral de fomento da lingua coa que se visibiliza o apoio individual de persoas ao proceso de normalización lingüística a través de fotografías con frases suxestivas sobre o uso do galego en diversos ámbitos e situacións cotiás. A presentación de ‘Gústame o galego na USC’ celebrarase na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca este xoves 12 ás 11.00 horas e nela intervirán o reitor Juan Casares e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala. Ademais, están convidados á presentación representantes das diversas asociacións estudantís que colaboran no desenvolvemento da campaña, como Acción Universitaria, Comités, FAD, JEMSA e Liga Estudantil así como de diversas Comisións de Normalización Lingüística de centros.