Ir o contido principal

Presentación da campaña de verán do Programa Universidade Viva de visitas guiadas ao patrimonio da USC

A Vicerreitoría de Cultura da USC presenta en rolda de prensa este mércores, día 28, a campaña de verán 2008 do Programa Universidade Viva de visitas guiadas ao patrimonio histórico-artístico e científico da USC. Ao acto, que terá lugar ás 11:00 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca, asisten o vicerreitor de Cultura, Elias Torres; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Mª José Pérez; o director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe José Arias; e o concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias.
O programa, que leva funcionando continuadamente dende 2004, centrábase principalmente no patrimonio histórico-artístico, pero dende o comezo deste curso ampliouse tamén ao Patrimonio Natural da USC (que abrangue o Museo de Historia Natural Luís Iglesias e un roteiro polo Campus Sur). A estas visitas súmase agora a campaña de verán, con catro saídas diarias.
O principal obxectivo é achegar os tesouros da institución compostelá ao público en xeral, concienciando á vez da relevancia, riqueza e diversidade do seu patrimonio cultural, tanto histórico-artístico como científico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.05.2008.