Presentación do catálogo ‘A Domus do Mitreo’

Os vicerreitores de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo, e de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, presentarán este mércores, 27 de abril, o catálogo ‘A Domus do Mitreo’. O acto terá lugar na Casa do Saber, a partir das 20:30 horas, e contará tamén coa presenza do director do proxecto arqueolóxico Celso Rodríguez Cao; o historiador que levou a cabo o estudo metalístico Carmelo Fernández Ibáñez e o xefe territorial de Cultura e Turismo, José Rodríguez Andina, que falará da musealización que está a realizar a Xunta cos resto atopados nas actuacións arqueolóxicas que se levaron a cabo no transcurso dos traballos de rehabilitación e construción da sede administrativa da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo e do seu edificio anexo, coñecido como E=mc 2 . De feito, na mesma Casa do Saber, na súa sala de exposicións, pode verse a exposición ‘A Domus do Mitreo’. O horario de atención ao público é de martes a xoves, en horario de 17:00 a 21:00 horas e os venres, de 18:00 a 22:00 horas. Esta mostra ten como obxectivo final dar a coñecer, a través de breves pinceladas, a vida cotiá nesa Domus romana e a súa evolución a través do tempo a partir dos materiais atopados na área que se sitúa baixo os edificios e as rúas circundantes e que define diferentes espazos e cronoloxías. O Mitreo de Lucus é un dos poucos monumentos mitraicos de España que poden ser datados con fiabilidade como pertencentes ao século terceiro d. C. e que se mantén no século cuarto d. C., segundo o investigador. Como mostra disto está a ara fundacional de granito atopada na nave do templo, unha das pezas centrais da exposición que alberga gran cantidade de información e permite unha nova interpretación da introdución do mitreísmo en Hispania. O resto dos elementos que compoñen o espazo expositivo completan o percorrido do que foi a vida cotiá dos moradores desta construción. Amósanse pezas representativas exhumadas na escavación como son vidros, metais, ósos, útiles de tear ou elementos de numismática. Destacan outros coma o entalle de cornalina laranxa que se utilizou como icona desta exposición e que leva tallada unha figura alada en representación dunha vitoria.