Presentación do catálogo do XVII Maratón Fotográfico do Campus de Lugo
O maratón fotográfico do Campus de Lugo recupera actualidade coa presentación do catálogo correspondente á décimo sétima edición e cunha nova quenda para a exposición dos traballos premiados e dunha selección representativa das propostas presentadas ao certame. Así, celebrarase un acto conxunto de presentación do catálogo e de inauguración da mostra o luns 24 ás 12.00 horas no Centro Social Municipal Uxío Novoneyra. Á presentación e inauguración da mostra asistirán o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; o tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao Abelleira; o deputado provincial da Área de Cultura e Turismo, Mario Outeiro Iglesias; a xefe do Servizo de Turismo en Lugo, Paloma Vázquez Fernández; Sinesio Pérez Rodríguez, de NovaCaixaGalicia; e Eduardo Ochoa, coordinador do Espazo de fotografía no Campus de Lugo. Sons da cidade, obras e xestión do medio ambiente, eran os tres ámbitos temáticos que debían reflectir as instantáneas tomadas ao longo dunha xornada por toda a cidade. Esta iniciativa, a piques de cumprir a súa maioría de idade logo de dezasete edicións, configura unha das iniciativas máis consolidades e con maior éxito das que se promoven actualmente dende Lugo Cultural. Á cita acudiron nesta ocasión fotógrafos profesionais e afeccionados tanto de dentro coma de fóra da comunidade universitaria na modalidade analóxica e dixital. A exposición permanecerá aberta ao público ata o próximo 18 de novembro, en horario de 16.00 a 21.00 horas de luns a venres e con entrada libre.