Presentación en Compostela da programación do 10º Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC
Compañías de danza das tres universidades galegas e da portuguesa da Beira Interior de Covilhâ (Portugal) traerán a Santiago os seus traballos dentro da programación do 10º Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC, a celebrar entre os días 18 e 19 próximos en diversas localizacións dos campus composteláns A programación do Encontro presentarase este venres 13 nunha rolda de prensa na que intervirán o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, e o director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera. O Encontro de Danza contemporánea xoga coas ideas de reinterpretación artística do espazo urbano, a través da adaptabilidade das pezas de danza aos distintos lugares, e o fomento da súa utilización por parte do cidadán que participa como espectador ou mesmo como intérprete. Deste xeito, as actuacións realizaranse en diversos espazos universitarios en distintos horarios trazando un percorrido por distintas prazas e recunchos emblemáticos da cidade.