Presentación do Dicionario Galego de Pedagoxía

O reitor Juan Casares preside este luns 15 a presentación do Dicionario Galego de Pedagoxía no que, baixo a dirección dos profesores José Antonio Caride Gómez e Felipe Trillo, participaron 176 especialistas en Ciencias da Educación. A presentación celébrase a partir das 19:30 horas na Sala de Xuntas da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) coa presenza ademais do reitor e dos coordinadores da obra, do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez; do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; do decano da Facultade Ciencias da Educación, Lois Ferradas, e de Victor Freixanes, en representación da dirección da editorial Galaxia e do equipo coordinador da obra. Este novo dicionario contén 546 termos, enciclopédicos e conceptuais, articulados en seis grandes áreas nas que se atende a planificación e administración educativa; didáctica e organización escolar, teoría da educación e pedagoxía social; orientación e diagnóstico en educación; métodos de investigación en educación; e documentación e información educativa. Do A ao Z e de xeito rigoroso e accesible, a guíe reúne nun só volume todo o saber sobre as Ciencias da Educación, poñendo en valor o papel da educación na sociedade contemporánea, así como a súa transcendencia nos procesos de socialización, e de formación de cidadáns e profesionais.