Presentación do ensaio de María Xosé Agra ¿Olvidar a Clitemnestra? Sobre justicia e igualdad
Como a súa propia autora destaca, a profesora María Xosé Agra Romero, “a xustiza, quizais o problema máis antigo da filosofía política”, é o núcleo de ¿Olvidar a Clitemnestra? Sobre justicia e igualdad, “un ensaio que desprega interrogantes ante o desconcerto, os medos, as incertezas e vulnerabilidades do mundo contemporáneos, páxinas que provocan reflexións sobre a xustiza e a igualdade”.
A catedrática de Filosofía Política María Xosé Agra, xunto coa vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez, e o director do Servizo de de Publicacións, Juan Blanco Valdés, presentarán o libro este martes 22 ás 11.00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome.
O fío condutor da obra é a xustiza democrática e a igualdade, tomando como punto de partida a lección de Esquilo. Neste senso, a profesora Agra considera que a achegas da filosofía feminista, das teóricas da xustiza constitúen un lugar privilexiado, nin exclusivo nin excluínte, para comprender a complexidade e os dilemas dunha política democrática e dunha sociedade máis xusta.
USC editora
Herdeira da vella colección Monografías da USC —que entre 1971 e 2009 publicou 219 títulos—, USC Editora é unha iniciativa editorial creada en 2009. A través das series Académica, Clave, Cuadernos de Español como Lengua Extranjera, Ensaio, Manuais e Textos, concíbese como un selo comercial da USC rexistrado como marca europea que, dentro do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, proporciona canle editorial a unha serie de publicacións sometidas a un sistema propio de avaliación por pares externos á USC. O selo conta, ademais, cun elenco estable de editores internos, que someten os orixinais a unha avaliación previa.