Ir o contido principal

Presentación na Facultade de Xeografía e Historia do libro 'La construcción de la ciudadanía a través de los movimientos sociales. El movimiento obrero en Galicia (1890-1936)'

Ao acto de presentación está prevista asistencia do presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda

O libro La construcción de la ciudadanía a través de los movimientos sociales. El movimiento obrero en Galicia (1890-1936), do investigador do Departamento de Historia Contemporánea e de América Antonio Míguez Macho, presentarase este mércores 4 na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia nun acto previsto para as 12:00 horas.
Na presentación participarán o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda; o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto; o profesor do Departamento de Historia Contemporánea e de América, Miguel Cabo Villaverde; o director da Área de Historia da Fundación 10 de Marzo, Víctor Santidrián; e o propio autor.
A obra, editada pola Deputación da Coruña e a Fundación 10 de Marzo, recolle a tese de doutoramento defendida en 2006 por Míguez Macho, un traballo de investigación no que abordou a historia dos movementos sociais e os procesos de construción da cidadanía. Tal e como sinala o profesor Miguel Cabo, director da tese e autor do prólogo, a novidade da obra radica na aplicación dunha metodoloxía “que poucos antes manexaron”. Ademais, o tema proposto vén revitalizar “un campo de estudo lastrado polos apriorismos ideolóxicos e unha neo-erudición na que os avatares de reis e xenerais foron substituídos”.
Na actualidade, Antonio Míguez traballa como investigador contratado no proxecto de investigación ‘Os nomes, as voces e os lugares’ dedicado á recuperación da memoria histórica das vítimas da ditadura franquista. Alén disto, o doutor Míguez pretende proseguir as súas investigacións sobre a formación da clase obreira e a loita pola adquisición de dereitos-deberes de cidadanía, ampliando a súa perspectiva temporal e espacial. En particular, está interesado en analizar en que sentido os réximes de signo totalitario como o franquismo, puideron influír na configuración dos valores e actitudes cidadás do pasado e presente expresados na sociedade civil e os seus actores colectivos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.06.2008.