Presentación do libro Carlos López-García Picos. Música a orillas del Atlántico
A sala de prensa do Colexio de Fonseca acollerá este venres 16 ás 11.00 horas a presentación do libro Carlos López-García Picos. Música a orillas del Atlántico, unha exhaustiva e documentada biografía do compositor betanceiro (1922-2009) que, tanto no exilio tras a Guerra Civil como logo no seu retorno a Galicia dende 1984, desenvolveu unha intensa carreira de creación musical composta por un rico catálogo de 141 obras, obras sinfónicas, cuartetos, obras para piano, violoncello, etc.
Na presentación participarán a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Dolores Álvarez; o autor do libro, o pianista e investigador Javier Ares Espiño; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; a concelleira delegada de Cultura do Concello de Betanzos, María Barral; e o director de Publicacións da USC, Juan L. Blanco Valdés.
A obra baséase na tese de doutoramento de Javier Ares que lle dirixiu o catedrático de Historia da Música da USC Carlos Villanueva, e foi coeditada pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, o Concello de Betanzos e o grupo de investigación da USC ‘Fondos documentais de música nos arquivos civís de Galicia’.