Presentación do libro E fixemos a luz!, segundo título da 'Biblioteca de Divulgación, Serie Científica'
O libro E fixemos a luz! do profesor Salvador Bará, segundo título da 'Biblioteca de Divulgación, Serie Científica', preséntase en rolda de prensa este venres 19 ás 11.00 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca. No acto intervirán, ademais do autor, a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; os co directores da colección, Francisco Díaz-Fierros e Jorge Mira; e o director de Publicacións da USC, Juan L. Blanco Valdés.
A publicación recolle a historia científica da luz, coas controversias que provocou, sesgos biográficos das persoas que se dedicaron ao seu estudo, as aplicacións máis recentes e os problemas e interrogantes que o seu uso suscita.
A colección
Creada en 2011, a Biblioteca de Divulgación. Serie Científica publica textos que, se ben son resultado da máis rigorosa investigación en cada campo, están presentados de forma divulgativa, pensados para o público xeral e non estritamente especialista. O primeiro volume foi Antimateria, magia y poesía, de José Edelstein e Andrés Gomberoff.