Ir o contido principal

Presentación das memorias de Fernando Álvarez de Sotomayor, pintor e director do Museo do Prado entre 1939 e 1960

O libro incorpora as memorias, ata agora inéditas, escritas polo propio artista así como unha contribución de especialistas que abordan a súa figura dende distintas ópticas

Ademais de ter sido protagonista relevante na escena artística española durante boa parte do século XX, Fernando Álvarez de Sotomayor sobresaliu tamén, entre outros méritos, por ter sido director do Museo do Prado entre 1922 e 1931 e entre 1939 e 1960, ano do seu falecemento. Décadas despois, a súa figura é obxecto de revisión nun volume editado pola USC coa colaboración das universidades de Granada e Talca (Chile), de cuxa edición son responsable Pedro Emilio Zamorano Pérez, Rodrigo Gutiérrez Viñuales e Juan Monterroso Montero.

O volume Memorias de Fernando Álvarez de Sotomayor. Fomento y apreciación de las artes presentarano este mércores 28 nun acto público a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez; a neta do pintor, Victoria Álvarez de Sotomayor; e o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco Valdés. A presentación comezará ás 12.00 horas no Salón Reitorial do Colexio de San Xerome.

‘Recuerdos de un viejo pintor’ é o bloque que abre este libro, un “documento transcendental e ata agora inédito” que pon no papel “nin máis nin menos que as memorias do propio artista, redactadas e escritas de seu puño e letra, longo tempo conservadas celosamente polos seus sucesores e que agora ven a luz grazas á xenerosidade da súa neta”, adiantan os promotores deste proxecto editorial. Ademais inclúense distintas traballos dun grupo de especialistas que dende ópticas específicas revisan a figura e traxectoria de Álvarez de Sotomayor.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.06.2017.