Presentación dunha mostra de instrumentos musicais antigos que o Colexio de Fonseca albergará o vindeiro mes
O colexio de Fonseca albergará o vindeiro mes de agosto unha exposición de instrumentos antigos nunha iniciativa que promoven a USC e Bodega Martín Códax. Esta actividade complementarase cun concerto que o grupo de Música Antiga Martín Códax vai ofrecer o xoves 29 no Altar Maior da Catedral de Santiago. As principais características desta mostra presentaranse este mércores, día 28, nunha rolda de prensa na que o vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo, estará acompañado do xerente da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos; do director do Grupo de Música Antiga Martín Códaz, Miguel Ángel López Fariña; e do presidente do Consello de administración da Bodega, José Martínez Chantada. A presentación celebrarase a partir das 11:00 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca. Fídulas, cítaras, vihuelas de arco, chirimías, organistrum, cromornos, zanfonas, cornetos, laudes, baldosas, frautas e órgano forman parte da exposición que, durante todo o mes de agosto, se poderá visitar no Colexio de Fonseca.