Presentación do Portal de ditados tópicos galegos
Picheleiros, cascarilleiros, pulpeiros, choqueiros, campaneiros son a interpretación popular feita en Galicia arredor dos xentilicios, cuxo rexistro non estaba ata agora sistematizado. O Instituto da Lingua Galega da USC e a Fundación Camilo José Cela presentarán este xoves 27 o Portal de ditados tópicos galegos, proxecto que xorde inicialmente con fichas recollidas para o Diccionario Geográfico Popular de España iniciado polo escritor Camilo José Cela e no que recompila información sobre alcumes, xentilicios, refráns ou cantigas referentes a localidades galegas. Na presentación do portal, prevista para as 11.00 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca, participarán a directora do ILG, Rosario Álvarez; Covadonga Rodríguez, en representación da Fundación Camilo José Cela; o director de Zona de Galicia de Correos, Celso Gómez; e o investigador da USC David Rodríguez Lorenzo, en representación do equipo responsable do portal. Inicialmente, o Portal de ditados tópicos galegos presenta case 4.000 rexistros (1559 alcumes colectivos, 1207 xentilicios, 328 refráns, 786 coplas e cantares e 42 pseudotopónimos).