Ir o contido principal

Presentación da primeira edición do programa ‘Punto e seguido’, dentro da oferta de Lugo Cultural 2012

O encontro desenvolverase do 21 ao 28 de maio e inclúe actividades de teatro, danza e música en diferentes espazos da capital lucense

O ciclo de actividades integradas na oferta de Lugo Cultural 2012 complétase cunha nova proposta: o programa ‘Punto e Seguido’, que pretende servir de mostra de todas actividades que se foron desenvolvendo durante o curso, ao tempo que busca ser o punto de transición de cara ás citas xa programadas ata finais de ano dentro de Lugo Cultural. Música, teatro e danza completan a oferta de ‘Punto e seguido’, que se desenvolverá entre o 21 e o 28 de maio en varias localizacións da capital lucense, desde dependencias universitarias (Facultade de Veterinaria, residencia Bal y Gay) a instalacións culturais da cidade (auditorio Gustavo Freire, Círculo das Artes) ou espazos abertos, como a praza de Santa María. En todos os casos a entrada ás actividades será gratuíta. No acto de presentación do programa, que se celebra o martes 15 de maio ás 11.00 horas na sala de prensa do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, estarán presentes o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o responsable da Área Cultural da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Carlos Rodríguez Andina; o deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro; e otenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Antón Bao. Lugo Cultural é unha proposta conxunta da Área de Cultura da Universidade de Santiago no Campus de Lugo, a Delegación Territorial da Xunta de Galicia e a Deputación e o Concello de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.05.2012.