Ir o contido principal

Presentación do primeiro campionato de España de modelado 3D de precisión para teléfonos móbiles, organizado pola USC

A ‘D3MOBILE Metrology League’ repartirá máis de 7.000 euros en premios entre os alumnos de 4º de ESO e Bacharelato que participen no certame

O grupo de investigación USCAN3D da USC presenta este martes, día 4, a partir das 12.00 horas, na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior de Lugo, o primeiro campionato nacional de modelado 3D de precisión para teléfonos móbiles, dirixido a alumnos de 4º de ESO e Bacharelato de institutos de toda España. É a primeira vez que se organiza un proxecto desta natureza no mundo, mediante o que se pretenden potenciar as vocacións científicas a través dun elemento de uso tan cotián entre os máis novos como é o teléfono móbil.

Este acto de presentación contará coa presenza do vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o vicerreitor adxunto de Investigación do Campus de Lugo, Pablo Ramil; o delegado de Cuiltura, Turismo, Ensino e Normalización Lingüística da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro Iglesias; o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado da Xunta de Galicia, Manuel Vila; o manager de vendas da Unidade de Empresas Vodafone, Francisco Salgueiro; o director do proxecto, Juan Ortiz Sanz; e Mariluz Gil Docampo, coordinadora do Grupo de Investigación USCAN3D.

Para o seguimento da rolda de prensa a través de internet habilitarase unha web pública para todos os que desexen presenciar o acto de forma virtual. Neste espazo poderanse seguir as intervencións e mesmo realizar preguntas, que lles serán trasladadas aos participantes na presentación. O seguimento é posible a través do link http://www.usc.es/xuntanza/d3mobile; para acceder á canle de emisión (que estará en funcionamento desde as 11.30 horas do día 4) só é preciso conectarse e introducir o nome co que o usuario quere ser identificado.

Formato do certame e premios

O profesor da USC Juan Ortiz, director do proxecto, explica as razóns que motivaron a súa creación: “Os modelos 3D de precisión empréganse continuamente en ámbitos tan próximos á cultura xuvenil como o cine, o fútbol, a Fórmula-1, a moda ou os videoxogos. Os mozos sorprenderanse das posibilidades que ofrece un teléfono móbil para a realización de modelos deste tipo, do fácil que resulta facelos e do rápido que acadan resultados mentres se divirten”. Os participantes deberán organizarse en grupos de 2-4 compañeiros e buscar o apoio dun profesor. Os alumnos aprenderán a elaborar modelos tridimensionais cos seus terminais móbiles, o seu propio ordenador e un software fotogramétrico libre: “A habilidade no manexo das novas tecnoloxías por parte dos máis novos garante que en dúas tardes ou incluso en menos tempo se adquiran as destrezas necesarias para participar no campionato”, explican os responsables do proxecto. A competición, que se desenvolverá completamente on-line, consistirá en coñecer que equipo é capaz de medir e modelar obxectos en 3D coa maior calidade métrica e visual, con premios para os mellores traballos. “O obxectivo último é inculcar nos máis novos os conceptos de experimento e método científico, así como a importancia na toma de decisións a partir da análise dos resultados dun proceso experimental, ademais de espertar a vocación pola cultura científica a través dun instrumento tan prezado e familiar para eles como é o seu teléfono móbil”, indica Juan Ortiz. Haberá premios para todas as categorías contempladas no campionato, por un valor total superior aos 7.000 euros. O período de inscrición permanecerá aberto ata o 21 de xaneiro, data na que se fará pública a primeira das probas que haberá que resolver. Ata o mes de maio irán colocándose na web novas probas, e o 3 de xuño publicaranse os resultados. Toda a información relativa ao campionato irá incorporándose á web http://www.d3mobile.es, que xa se encontra operativa. Múltiples apoios Este proxecto, promovido desde o Grupo de Investigación para a Documentación en 3D da USC (USCAN3D), foi un dos 212 elixidos de entre os 1.295 presentados este ano á convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica e da innovación, que outorga a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). O Centro Español de Metroloxía (CEM) e o Centro Nacional de Información Geográfica (CNIG) forman parte tamén do grupo de entidades organizadoras. Entre os patrocinadores figuran a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo e a Fundación Vodafone España, ademais da propia Escola Politécnica Superior da USC no Campus de Lugo. Gobernos doutras comunidades autónomas (entre eles o Goberno de Navarra e a Xunta de Castela e León), asociacións de pais e docentes, centros de ensino secundario e empresas do ámbito tecnolóxico colaboran tamén co proxecto. Juan Ortiz destaca a importancia que ten “o feito de que un grupo de investigación da Escola Politécnica Superior de Lugo trate de fomentar as vocacións científicas e achegue así a Universidade aos alumnos en etapa escolar, involucrando neste fin diferentes entidades de prestixio nos campos da educación, a investigación, a fotogrametría, a metroloxía, a información xeográfica, a accesibilidade e a telefonía móbil”.

“Grazas a esta colaboración, será posible incidir tamén nalgunhas carencias relacionadas coa inadecuada utilización e ensino das unidades de medida no sistema educativo do país, detectadas polo CEM, promover a cultura xeográfica entre os estudantes de secundaria (en relación cos obxectivos e funcións do CNIG) e sensibilizar os mozos sobre a importancia da accesibilidade para todos que promove a Fundación Vodafone”, conclúe Ortiz.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.12.2012.