Presentación dos Protocolos para a Integración na Comunidade Universitaria
A Universidade de Santiago acaba de editar os Protocolos para a Integración na Comunidade Universitaria cos que a institución compostelá se pon á vangarda das Universidades de España que traballan na promoción da participación das persoas con necesidades específicas no ensino superior.
Esta guía de actuacións presentarase este mércores, día 26, nunha rolda de prensa na que intervirán o reitor da USC, Senén Barro; o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José Manuel Mayán; a subdirectora xeral de Universidades, Maria Isabel Doval; e o director para a Zona Norte de Bancaja, José Luís Otero. O acto, que terá lugar ás 11:30 horas no Salón de Graos do Colexio de San Xerome, contará ademais coa presenza de representantes dalgunhas das ONGs que colaboraron no proxecto como a Federación de Asociacións de Xordos de Galicia (FAXPG), a Organización Nacional de Ciegos (ONCE), a Federación de Asociacións de Familiares e enfermos Mentais de Galicia (FEAFES) e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI).
Os Protocolos pretenden axudar a favorecer a participación das persoas con necesidades especiais e, á súa vez, facilitar o achegamento a un colectivo cada vez máis numeroso proporcionando as estratexias básicas necesarias. O exemplar elaborouse coa colaboración de Bancaja e dalgunhas das principais entidades que dende a sociedade civil traballan a prol dos dereitos das persoas con discapacidade.