Ir o contido principal

Presentación do proxecto europeo Migranet para o estudo das poboacións de peixes migradores no espazo do suroeste europeo

O proxecto comeza as súas actividades este mércores na USC

Investigadores de Francia, Portugal e España traballarán de xeito conxunto na creación e posta en marcha dun observatorio das poboacións de peixes migradores no espazo do suroeste europeo. Será no marco do proxecto Migranet, coordinado pola USC e cofinanciado polo Programa Interreg IV B-SUDOE, con fondos FEDER da UE. As principais características deste proxecto presentaranse este mércores, día 2 de febreiro, nunha rolda de prensa ás 11:00 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca na que intervirán o director da Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con e coordinador do proxecto, Fernando Cobo, e o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil. Xunto eles, tamén asistirán representantes das distintas entidades implicadas como o subdirector xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas da Xunta de Galicia, Emilio Rosa; o investigador do Institut National de la Recherche Agronomique (INRA), Etiene Prevost; o presidente da dirección do Centro Interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental (CIIMAR), João José Oliveira; e a técnica coordinadora do proxecto na Fundación CEER, Pilar Vázquez Maseda. Cofinanciado ao 75 por cento con cargo a fondos FEDER, o proxecto estenderase ao longo dos vindeiros dous anos co obxectivo principal de contribuír á conservación e recuperación das especies de peixes migradores e do seus hábitats, a partir dun mellor coñecemento compartido da súa situación real. Ademais, este mesmo mércores o Colexio de San Xerome acollerá as primeiras xuntanzas das estruturas de coordinación e xestión do proxecto, o Comité Coordinador e o Científico Técnico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.02.2011.